EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Unhas 1.400 persoas participarán este sábado no IV Foro Emociona

13/11/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presentou o IV Foro Emociona, acompañado da directora deste encontro, Ana Framiñán. A cita é este sábado, 18 de novembro, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, cunha participación estimada de 1.400 asistentes, consolidando así este Foro como un referente a nivel nacional neste ámbito da educación emocional e social.

Manuel Dios apuntou a importancia da celebración do Foro Emociona en Santiago, por dous motivos principais. O primeiro dende un punto de vista educativo, dándolle importancia á educación dende os afectos, porque "é un dos mellores antídotos contra todo tipo de violencia, algo moi relevante e que traballamos de maneira específica co profesorado". O desexo é que a educación emocional forme parte da educación integral do alumnado. "Isto é moi importante para avanzar na prevención da violencia machista", insistiu.

O outro punto relevante para o concelleiro de Educación é a importancia da celebración deste Foro no mes de novembro. "Dende o punto de vista turístico, levamos moito tempo buscando pernoctacións en tempada baixa, e ter un fin de semana a 1.400 persoas mostra que o Foro ten un valor estratéxico dende o punto de vista turístico". Por iso, Manuel Dios agarda a consolidación do encontro na cidade.

A directora do Foro Emociona, Ana Framiñán, sinalou que "se ve que cada ano damos resposta a todas esas persoas que buscan ferramentas para mellorar a súa educación emocional". Isto, segundo Ana Framiñán, é válido tanto para o ámbito persoal como profesional. "Este ano contamos con case 1.400 asistentes e o obxectivo é o mesmo: falar de educación emocional", dixo, apuntando tamén como meta que " tanto profesionais como familias leven as ferramentas de educación emocional para as súas casas ou traballos e así melloraren como profesionais e persoas".

Sobre o programa deste ano, Ana Framiñán describiuno como "un camiño, unha guía onde elixir". A xornada comezará con Elsa Punset, que falará sobre xestión do cerebro, porque "mesmo a emoción pode modificar a forma física do cerebro". Na segunda parte, as persoas asistentes entrarán nunha "ruta" na que, como explicou, poderase escoller entre as conferencias da especialidade en educación ou as das emocións e a saúde. Outros relatorios destacados serán os de emoción e sexualidade ou os de emoción e comunicación. Entre os conferenciantes, demais de Elsa Punset, destacou a María Frías, Alejandra Vallejo-Nájera, Lourdes Tomás, Begoña Ibarrola, José María Toro e Xavier Guix.

Direcciones relacionadas



Compartir: