ALCALDÍA

Martiño Noriega participa na inauguración do Centro de Atención Social Continuada "Vieiro"

13/11/2017 O alcalde participou esta mañá na inauguración do Centro de Atención Social Continuada "Vieiro", que Cáritas Diocesana de Santiago abriu na rúa de Carretas. Martiño Noriega sinalou que o Concello "valora de forma moi positiva a labor que a entidade ven desenvolvendo na cidade en distintos ámbitos". Tamén agradeceu o compromiso de Cáritas Diocesana e o seu traballo para que este centro sexa unha realidade.

As novas instalacións de Cáritas Diocesana veñen substituír ás que funcionaban dende o ano 2005 na rúa de Costa Vella. O Centro Vieiro ten como obxectivo atender as persoas en situacións de exclusión social severa, que poden recibir atención psicoeducativa, asesoramento xurídico ou formación en distintos ámbitos. En 2016, o centro Vieiro atendeu a un total de 722 persoas, a maioría delas con idades comprendidas entre os 34 e os 65 anos.

Na inauguración do novo centro da rúa Carretas, nun inmoble cedido polo Arcebispado de Santiago, participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o arcebispo compostelán Julián Barrio; a deputada de Benestar Social da Deputación da Coruña, María Ánxeles Franco, e o director de Cáritas Diocesana de Santiago, José Anuncio Mouriño.

Compartir: