ALCALDÍA

Compostela acollerá en xaneiro de 2019 o III Congreso de Cooperación Internacional da OMC

13/11/2017 A Organización Médica Colexial vén de elixir a Compostela como sede do seu III Congreso de Cooperación Internacional, que se celebrará en xaneiro de 2019. Así llo transmitiu hoxe ao alcalde o presidente do Colexio de Médicos da Coruña, Luciano Vidán. A entidade estima que no encontro participarán entre 400 e 500 persoas.

Martiño Noriega mostrou o total respaldo do Concello á celebración deste Congreso en Santiago "pola súa temática, coa que estamos totalmente sensibilizados", e tamén polo feito de que se celebre en xaneiro, "contribuíndo á desestacionalización turística".

Luciano Vidán explicou que a Organización Médica Colexial "optou por Compostela despois de que a Xunta Directiva da entidade se reunira no pasado mes de marzo con Martiño Noriega, e tras comprobar a súa especial sensibilidade coa temática do Congreso". O presidente do Colexio de Médicos da Coruña apuntou que o foro permitirá "abordar as dificultades ás que se enfrontan moitos médicos e médicas que traballan no sistema público en España, e que queren exercer en países que nos están pedindo apoio e amparo". Nese sentido, explicou que a maioría dos profesionais "teñen que pedir permisos ou aproveitar as súas vacacións, e o sistema non lles facilita compaxinar as dúas cousas".

Compartir: