XUNTA DE GOBERNO

As festas de Nadal terán un orzamento de case 33.000 euros

18/12/2006 A aprobación dos presupostos para as actividades que se desenvolverán durante as festas de Nadal foi un dos temas tratados na Xunta de Goberno local. En total serán 32.830 euros que se destinarán á programación de Fin de Ano e múltiples actuacións nas rúas de Santiago durante este mes.

O voceiro do grupo de goberno, Francisco Candela, desgranou os acordos adoptados na ultima Xunta, entre os que salienta, ademais do mencionado, a aprobación de axudas de carácter social por un valor de 5.500 euros. Tamén no ámbito do benestar social, déuselle o visto bo ás axudas escolares 2006-2007: 3.870 euros para un total de 67 familias compostelás, o que supón que cada unha delas percibirá entre 30 e 90 euros. Así mesmo, acordouse a prórroga da cesión de dous pisos durante o 2007 a ASPAS para desenvolver o proxecto de vida independente para persoas con discapacidade intelectual.

A proposta do concelleiro de Tráfico, aprobáronse as tarifas para o transporte urbano do 2007, que continúan coa política de apoiar aos viaxeiros frecuentes mediante a conxelación dos prezos dos bonos, tanto do ordinario coma do escolar e o mensual. O incremento do prezo só se establece para o billete único, que pasa dos 0,85 euros aos 0.90, e para o billete escolar, que costará a partir do 1 de xaneiro 55 céntimos, fronte aos 50 que custaba ata o de agora.

No apartado de Facenda, a Xunta de Goberno local aprobou a a concesión de exencións tributarias a case 100 familias. Tamén a proposta do edil de Facenda, déuselle o visto bo a unha operación de tesourería por 2.000.000 de euros, adxudicada ao Banco Santander Central Hispano, e que se empregará en parte para aboar as horas extraordinarias de diferente persoal.

Así mesmo, nesta sesión adxudicáronse as obras de remodelación do Campo da Festa de Lamascal-San Xoán de Fecha, as incluídas no proxecto de actuacións en pistas de Bando, as de saneamento e bombeo de augas fecais en Real de Atrás ou as de reforma da iluminación nas rúas Pequena e Mallou de Abaixo.

Compartir: