IGUALDADE

Aberta a Casa das Mulleres "Xohana Torres", un espazo de encontro e empoderamento feminista

09/11/2017 A veciñana de Compostela asistiu esta tarde á inauguración da Casa das Mulleres "Xohana Torres", situada na rúa Bernardo Barreiro. Trátase dun espazo pedido dende hai moitos anos polos colectivos feministas e de mulleres. Busca ser un lugar de empoderamento e de transformación social, tendo por obxectivo o traballo por unha sociedade igualitaria.

A inauguración deu comezo ás 18 horas, cun acto presentado pola poeta e actriz Lara Rozados quen deu paso ao recital "Nós tamén navegar" coas voces de Ana Romaní, Marilar Aleixandre, Luz Fandiño e Rosalía Fernández Rial. Xa un pouco pasadas as 19 horas foi o momento do micro aberto no que interviron algunhas das mulleres que asistiron a esta inauguración.

Posteriormente, Aurora Marco, Encarna Otero e Lola Ferreiro impartiron unha charla titulada "A hora da memoria das mulleres" na que lembraron a todas aquelas mulleres fortes e valentes que nos precederon e cuxa memoria cómpre lembrar. Tamén se proxectou o vídeo "As donas dos mapas", creado pola Illa Bufarda e onde se podían ver e escoitar a mulleres de distintas idades compartir a alegría porque Compostela conte cunha casa para todas as mulleres.

Xa ás 20 horas o alcalde, Martiño Noriega; a concelleira de Igualdade, Marta Lois e a filla de Xohana Torres, Andrea Ellacuría, inauguraron oficialmente o espazo cunhas sentidas verbas. Martiño Noriega sinalou que "todas vos sodes a razón de ser de estar aquí e de poder ter esta casa. Sodes fundamentais, as portas da xustiza, do sorriso e da igualdade". Pola súa banda, Marta Lois agradeceu o traballo de todas as mulleres "que fixeron posible esta realidade, unha demanda histórica agardada por moitos e moitas". Finalmente, Andrea Ellacuría convidou a todas as mulleres "a encher este sitio de mulleres e ideas, pero tamén de homes feministas".

O acto, coordinado por Patricia Porto Paderne, da libraría Lila de Lilith, rematou cunha sesión de música a cargo da DJ Alba Cociña que amenizou o cóctel posterior, con pinchos da Flor.

Compartir: