IGUALDADE

A campaña "En negro contra as violencias" chega ao Parlamento Europeo

07/11/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá na Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero (FEMM) do Parlamento Europeo a campaña Galicia en negro contra as violencias machistas. Marta Lois e o resto da delegación galega desprazada a Bruxelas foron recibidos pola presidenta e o vicepresidente da Comisión de Igualdade, a lituana Vilija Blonkeviciute e o portugués Joao Pimenta.

Na xuntanza tamén participaron outros eurodeputados e eurodeputadas de dita Comisión. Vilija Blonkeviciute deu a benvida á delegación galega e destacou que "o Parlamento Europeo aprecia o diálogo coas administracións locais, xa que son estas as que responden mellor aos problemas da veciñanza, e os que ofrecen apoio en casos de violencia machista tanto para as mulleres como para nenos e nenas". Nese senso referiuse á nova Directiva na que está a traballar o Parlamento e incidiu en que un dos obxectivos da Comisión é "loitar contra as violencias contra a muller".

A delegación de medio cento de persoas galegas que viaxou a Bruxelas esta semana está integrada por deputadas provinciais da Deputación de Lugo, concelleiras e concelleiros, responsables municipais de Centros de Información ás Mulleres e técnicas locais de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Muros, Salceda de Caselas, Rianxo, Ribadeo, Fisterra, Val do Dubra, Lugo, Ames, Cerdido, Ortigueira, As Pontes, Cambre, Becerreá e Burela.

A encargada de dar a coñecer a iniciativa, posta en marcha polo Concello de Santiago hai tres anos, foi a concelleira de Igualdade, Marta Lois, quen quixo agradecer "o convite aos grupos políticos socialista e da Esquerda Unitaria Europea para estar hoxe aquí presentando esta campaña". A concelleira comezou facendo unha reflexión sobre os datos de violencia de xénero en Galicia, "onde cada día denuncian 15 mulleres e onde se multiplicou no 2016 o número de vítimas en relación a 2015".

Campaña galega
Tamén falou a concelleira da importancia de situar a lacra das violencias machistas no centro das políticas públicas. Por iso, engadiu, "queremos trasladar o noso compromiso no plano social a esta institución, para que a loita contra a violencia machista se sitúe como prioridade nas axendas políticas".

Marta Lois explicou que o que "buscamos dende o primeiro ano foi interpelar ao tecido comunitario para que se implicase na campaña e que os establecementos comerciais funcionasen de altofalantes da mesma". En 2015 foron máis de 300 os establecementos galegos que se tinguiron de negro durante as dúas semanas de campaña. Xa no 2016 "quixemos interpelar aos concellos galegos para que se sumaran a esta iniciativa, con 16 concellos máis adheridos". En 2017, os datos "veñen a confirmar que se está a converter na campaña galega contra as violencias, na medida en que hai compromiso real e efectivo de 72 concellos e 3 deputacións".

Ademais trátase dunha campaña que "vai máis alá", coa implicación de numerosas entidades sociais, deportivas ou comerciais. A día de hoxe son case 3.000 os establecementos adheridos en toda Galicia, pero cóntase con chegar a máis de 5.000 no días nos que se celebre a campaña.

A concelleira de Igualdade rematou a súa presentación no Parlamento Europeo facendo fincapé en que "Contra as violencias quere ser unha campaña que busque xerar sinerxias e crear rede entre as institucións, tanto agora como despois do 25N".

Na xuntanza da Comisión tamén participou o vicepresidente da mesma, Joao Pimenta, quen pediu "garantías de que a un traballo igual corresponda un salario igual, así como a existencia de elementos de protección e instrumentos para a conciliación".

Acción de rúa
A explanada Solidarnosc 1980 acolleu posteriormente unha acción de rúa a cargo de Lara Buyo e Ana Corujo, do colectivo creativo Somoslag. Tratouse dunha acción de visibilización da campaña galega nun escenario como a entrada do Parlamento Europeo. Nela participou a delegación galega, con camisetas de Contra a violencia e diversos materiais cos lemas da iniciativa.

As artistas usaron unha gran lona negra coa que xogaron durante toda a acción, primeiro enredándose e desenredándose para, posteriormente, cosela ás súas propias mans. A actuación rematou despregando a tela nas propias escaleiras do Parlamento, a modo de protesta e repulsa polas violencias machistas.

Campaña nacida en 2015
En negro contra as violencias machistas naceu no 2015 da man do Concello de Santiago, que puxo en marcha a campaña Compostela en negro, na que se implicaron arredor de 300 establecementos comerciais e axentes sociais do municipio, que se converteron en embaixadores da mesma co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía ante calquera tipo de violencia contra as mulleres. A acción consistiu en tinguir de negro a cidade a través dos escaparates, os manequíns, a roupa de traballo; vestir loito en sinal de dor por todas as mulleres que sofren violencia machista.

Partindo desta práctica inicial, e coa finalidade de multiplicar e estender a incidencia social da campaña, no 2016, xa 16 concellos máis uníronse para desenvolveren conxuntamente a campaña En negro contra as violencias. Neste 2017 xa son máis de 70 os concellos adheridos que intentan así situar na axenda política esta loita. Como gran novidade está tamén o salto que deron esta semana ao Parlamento Europeo.

A iniciativa enmárcase dentro das actividades que terán lugar ao longo de novembro para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, 25 de novembro, así instaurado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

Este ano, a campaña terá unha duración de catro días, do 23 ao 26 de novembro. En Santiago son 500 os establecementos adheridos e o Concello quere tamén animar á veciñanza a que se implique colocando unha bandeirola negra das súas fiestras. Este material poderá recollerse nos catro centros habilitados: Casa das Mulleres "Xohana Torres", CSC do Ensanche e de Fontiñas e Casa do Matadoiro.

Direcciones relacionadas



Compartir: