EMIGRACIÓN E INMIGRACIÓN

Preto de 700 nenos percorreron as rúas compostelás en prol da solidariedade cos inmigrantes

18/12/2006 No Día Internacional das Migracións, declarado como tal pola Asamblea das Nacións Unidas en decembro de 2000, nenos e nenas de 13 colexios composteláns percorreron varias rúas da capital de Galicia cunha pancarta sostida por rapaces de varias nacionalidades na que se podía ler "os inmigrantes veñen de moi lonxe, berra acólleos. Solidariedade".

Os alumnos dos centros Colexiata de Sar, Lamas de Abade, Pío XII, Cardeal Quiroga Palacios, Vite 1, A Inmaculada, Divino Maestro, La Salle, Remedios, San Francisco Javier, San Pelayo, Compañía de María e Vilas Alborada, na súa marcha en prol dunha acollida digna para os inmigrantes portaron lemas como "olla cos seus ollos", "ponte na súa pel" ou "agasállaos cun sonriso". Ao final da mesma, un rapaz colombiano de 12 anos, John Freyman, alumno do colexio Nosa Señora dos Remedios, puxo voz a un manifesto no que as nenas e os nenos de Santiago pediron "a toda a sociedade galega que acolla aos inmigrantes como eles recibiron a moitos dos nosos antepasados cando tiveron que emigrar".

A marcha marcou o comezou dunha campaña de Nadal solidario que organiza a concellaría de Emigración e Inmigración e que continúa o vindeiro día 28 cun concerto a cargo de Luis Guitarra, cantautor que se caracteriza polas letras de denuncia e o seu marcado carácter solidario. O prezo da entrada para o concerto, que terá lugar ás 20.30 horas na Aula de Cultura de Caixa Galicia, será de 2 euros. Tamén haberá unha fila cero para todos aqueles que queiran colaborar.

Nesta campaña solidaria tamén participan as asociacións de comerciantes Acotés, Santiago Centro e Compostela Monumental, colocando os carteis nos establecementos asociados. Así mesmo, en virtude desta colaboración, haberá unha hucha na carpa que os comerciantes sitúan nestas datas na Praza Roxa, onde cada compostelán poderá aportar o seu grau de area. Os que acudan a empaquetar os regalos de Nadal a esta carpa poderán pagar por esta tarefa o simbólico prezo de 50 céntimos, que se incorporarán á hucha.

Tras isto, sacaranse as bases dun concurso para que as asociacións de inmigrantes presenten un proxecto de cooperación a realizar nun dos seus países de orixe. Os dous mellores proxectos obterán os cartos recadados.

A campaña continúa o máxico día 5, cando á comitiva dos Reis Magos se unirá unha cuarta carroza multicultural, ocupada por rapaces das asociacións de inmigrantes de Santiago vestidos cos traxes típicos dos seus países. Así mesmo, ese día repartiranse 30.000 caretas, 10.000 por cada rei mago, tamén inmigrantes, nas que se poderá ler "amosa a túa mellor cara, eu tamén veño de fóra. Acólleme". No percorrido da cabalgata haberá carteis con pequenos espellos nos que os nenos poderán ollarse a sí mesmos coas caretas, poñerse na pel do inmigrante e sentirse os reis da acollid

Compartir: