CONSORCIO

A Rúa do Sar abrirase o 4 de xaneiro

15/12/2006 Nos primeiros días de 2007 concluirá a actual fase de reurbanización da rúa de Sar, co que xa se poderá abrir ao tráfico rodado e peóns. O retraso destas obras, que dan continuidade ás que se levaron a cabo en 2004, afectan ao tramo comprendido entre o paso baixo a avenida de Lugo e o cruce coa rúa do Olvido.

O firme neste tramo, do mesmo xeito que se fixo desde a ponte sobre o río Sar, é de formigón negro, encintado en pedra, e as beirarrúas de granito. Problemas técnicos obrigaron ao Consorcio a pactar coa empresa adxudicataria un modificado do proxecto que motivou este novo retraso na súa apertura. O acordo establece que a empresa construtora remate as obras antes de final de ano, polo que, de non cumplirse o prazo, o Consorcio aplicaría as correspondentes penalizacións. O proxecto modificado foi entregado hoxe ao Consocio polos arquitectos responsables da obra.

Unha das modificacións formuladas consistíu na peatonalización do tramo dende a Avenida de Lugo ata a rúa de Sar, que o proxecto orixinal mantiña con tráfico rodado. Esta modificación permite xerar un atrativo espazo urbán peonil no que, ademais, se consegue salvar as árbores existentes. Por outra banda, atopáronse graves problemas para a instalación das infraestruturas previstas, que obrigaron a reubicar a estación soterrada de lixo. Ademáis, co obxecto de replantexar as coutas do viario no entronque da Rúa do Sar coa Rúa do Olvido, reduciuse o ámbito de actuación. Deste xeito, nunha terceira fase preténdese abordar a continuidade da actuación sobre o vieiro coa mellora e adecentamento da rúa do Olvido.

O Consorcio ten xa prevista esta terceira fase das obras de reurbanización de Sar ata o cruce coa rúa Curros Enriquez e Castrón Douro. O proxecto figura nas previsións de investimentos do Consorcio a executar en 2007.

Compartir: