POLÍTICAS SOCIAIS

Contos e música nos centros socioculturais noutra edición do ciclo "Liñas Paralelas"

24/10/2017 A concelleira de Políticas Sociais e Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou hoxe Liñas Paralelas, un ciclo de cinco sesións de lectura de relatos breves acompañados por música en directo. As cinco entregas agrúpanse en dúas propostas: unha baixo o título "Asuntos de defuntos", os días 28 de outubro no CSC de Conxo, e 31 de outubro no CSC de Santa Marta e no CSC de Vite; e outra denominada "Contos na Trisca e centrada na arquitectura, con dúas sesións (24 de novembro e 1 de decembro) no devandito centro sociocultural. A estas sesións sumaranse outras de contos de Nadal, con datas e ubicacions aínda por confirmar.

Concha Fernández explicou que o ciclo Liñas Paralelas está constituído por cinco sesións pensadas para o público adulto, e a experiencia de anos anteriores dinos que hai demanda deste tipo de accións". Ademais, apuntou que esta actividade "serve para poñer en valor a literatura breve, os contos, que sempre foron un xénero á vangarda nos movementos literarios e un espazo para experimentar por parte dos autores". Así, concluíu,"recuperamos contos da narrativa tradicional galega con música, combinados con narracións da literatura universal".

Na rolda de prensa, a edil estivo acompañada polo escritor e actor Pepe Sendón, encargado das sesións. "Para min é un pracer traballar nese gran patrimonio que é a Rede de Centros Socioculturais, ao mellor pouco coñecidos polo público, pero que serven como nexo de unión para vida cultural dos barrios", dixo. A proposta que realizou Pepe Sendón foi pensada pensando nas características de cada un dos centros, pois "cada un deles ten a súa vida propia e a súa programación".

Sendón indicou que o ciclo Liñas Paralelas é "moi inclusivo, cun achegamento á literatura dende un proxecto escénico con música, ao que poden asistir dende persoas maiores ata rapaces dende os 15 anos". Outra intención do ciclo é, tanto integrarse na programación de cada CSC como adaptarse á programación da época.

Asuntos de defuntos
Liñas Paralelas arrancará con dúas sesións de "Asuntos de defuntos", unha escolma de contos desta temática que, segundo relatou Pepe Sendón, "ten unha longa tradición na literatura galega, a través de autores como Rafael Dieste, Ánxel Fole ou Neira Vilas". Ademais, nas sesións leranse textos de escritores irlandeses como Brendan Behan, Thomas Crofton Croker ou Micheál Ó Conghaile; e norteamericanos como Ambrose Bierce e Langston Hunghes. Pepe Sendón tamén ten seleccionados textos do ruso Anton Chekjonv, o italiano Antonio Tabucchi ou o francés Guy de Maupasant.

A primeira sesión de "Asuntos de defuntos" será o 28 de outubro, ás 20:45 horas, no Centro Sociocultural de Conxo dentro das Festas das Cabazas. Nesta ocasión, Pepe Sendón estará acompañado de Marcos Teira á guitarra. A segunda cita será o 31 de outubro, con cita en dous centros socioculturais: no CSC de Vite ás 18:00 e no CSC de Santa Marta ás 20:00 horas, con música de Suso Alonso.

Contos na Trisca
"Contos na Trisca" serán dúas sesións nas que se abordará a presenza do espazo da arquitectura no relato literario, a través de relatos de Julio Cortázar, Rafael Dieste, Frank Kafka ou Álvaro Cunqueiro. As sesións serán o 24 de novembro e o 1 de decembro, ás 20.30 horas, no Centro Sociocultural da Trisca. Neste caso, Pepe Sendón estará acompañado por Nenoescuro.

Compartir: