DEPORTES

O deporte compostelán celebrou a súa gala

15/12/2006 O hotel Porta do Camiño acolleu a Gala do Deporte compostelán, que distinguiu a diversas personalidades do presente e do pasado do deporte da cidade. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu este evento, repleto de homenaxes e no que se entregou o coche do sorteo de apoio aos clubs federados de Santiago.

Entre os homenaxeados estaban Cristina Lodeiro e Rosario Gesto, que recibiron o premio ao mérito deportivo 2006. Tamén foron recoñecidas diferentes persoas que, entre 1900 e 1950, foron referencia do deporte santiagués, como Joaquín López, Moncho Vilas, Carretero, Mauro Rodríguez, Gernán, Cea, Elisardo ou José Bernárdez.

A Gala comezou coa entrega, a cargo do padroado da Fundación Compostela Deporte, das axudas da Fundación Compostela Deporte a 70 clubs federados da cidade. Repartíronse máis de 100.000€ en diversos conceptos: transporte, material informático e material deportivo.

Ademais, Luís García Madriñán recibiu o seu novo coche Fiat Grande Punto, doado polo grupo Noyastar, ao resultar agraciado no sorteo de apoio aos clubs federados da cidade, no que se venderon uns 45.000 boletos. O gañador obtivera o seu boleto no Club Amigos Baloncesto Obradoiro. Os ingresos desta iniciativa teñen o obxectivo de contribuír á tarefa social que estes clubs deportivos composteláns realizan.

Compartir: