ACCIÓN CULTURAL

Cineuropa abre a convocatoria para elixir o seu Xurado Novo

20/10/2017 Logo de 30 anos de cinema en Santiago, o festival Cineuropa chega un ano máis á cidade e faino con algunhas novidades. Entre as destacadas, figura a selección dun Xurado Novo que comporán mozos e mozas de entre 18 e 25 anos. A organización do festival vén de abrir hoxe a convocatoria para seleccionar as persoas integrantes e admite candidaturas ata o 30 de outubro.

Alén do requisito de idade, esíxese dispoñibilidade para ver a selección de filmes que se someten a avaliación nas sesións de #Cineuropa31. O convite a participar neste xurado non se limita ao estudantado universitario, senón que procura achegarse a toda a mocidade interesada no cinema.

Para se inscribir no proceso de selección do Xurado Novo, só é preciso encher un formulario online xa dispoñible na web e redes do festival. A composición do mesmo farase pública o día 31 deste mes.

As persoas integrantes do Xurado Novo terán na súa man a composición dun palmarés no que se inclúen as seguintes categorías: Mellor Película, Mellor Director, Mellor Guión, Mellor Interpretación Feminina e Mellor Interpretación Masculina. Os premios do Xurado Novo serán de carácter honorífico e daranse a coñecer na derradeira xornada do festival, que este ano se celebra do 7 ao 28 de novembro.

Direcciones relacionadas



Compartir: