CULTURA

Montse Liñares recibiu o premio Antonio Fraguas

15/12/2006 O XII Premio de investigación sobre o traxe tradicional galego "Antonio Fraguas" tivo como gañadora á compostelana Montse Liñares Bello, na categoría de traballos analíticos. O alcalde Sánchez Bugallo presidiu o acto de entrega do galardón, ao que asistiu un bo número de persoas ataviadas co traxe galego.

O xurado recoñeceu o labor de Montse Liñares no apartado de traballos analíticos, aqueles achegaban máis elementos de investigación sobre a procedencia e elaboración do traxe galego, e mesmo sobre as crenzas e valores relacionados co mesmo e a súa influencia en ámbitos relixiosos, económicos, políticos ou sociolóxicos. A dotación deste premio era de 1.200 euros. O premio na categoría de traballos descritivos quedou deserto.

Na súa intervención, o alcalde lembrou a figura de Antonio Fraguas e ao crecente prestixio deste premio. Ademais, felicitou á Asociación do Traxe Galego polo seu traballo, con iniciativas como a organización do Día do Traxe Galego, coa que o Concello colabora.

O xurado destes premios estaba formado por Xosé Manuel Reboredo, do Consello da Cultura Galega, Ana Blanco Gómez, da Fundación Rosalía de Castro; Felipe Senén López Gómez, da Deputación da Coruña; e Xesús Ferro Ruibal, do Centro Ramón Piñeiro.

O Concello colaborará para que tanto os traballos de 2005 como os desta edición poidan recollerse nunha publicación.

Compartir: