ACCIÓN CULTURAL

Os cabezudos e as estreas das compañías Títeres Cachirulo e Fantoches Baj abren o Festival Galicreques

13/10/2017 O Festival Internacional Galicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde co apoio do Concello de Santiago, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, a Fundación SGAE e o INAEM, abre este sábado unha 22ª edición caracterizada por unha ampla programación con máis de 40 funcións e que contará cun marcado carácter internacional, ao traer a Compostela un total de 26 compañías procedentes de Arxentina, Chile, Francia ou Portugal, ademais de formacións galegas e do resto do Estado.

A primeira das actividades celebrarase este sábado ás 13:00 horas, momento en que comezará unha Ruada de Xigantes e Cabezudos polas rúas da zona vella de Santiago. A comitiva partirá da Alameda e fará paradas pola praza do Toural, praza de Praterías e praza de Mazarelos.

Xa pola tarde, ás 18:00 horas, a Fundación SGAE acollerá a función da compañía manchega Títeres Larderos, que presentará por primeira vez en Galicia o seu espectáculo Historias de cómicos y titiriteros de Cuenca. Trátase dun espectáculo de luva e actor que xira ao redor da chegada dos cómicos e titiriteiros de Cuenca para contar historias e aventuras que pasaron nun lugar fantástico: o Bosque de Valera no Condado de Itoiz, no Reino de Gasterra.

Domingo
O Festival Galicreques celebra este domingo 15 de outubro un dos seus días máis intenso, ao contar na súa programación con dúas grandes estreas de compañías galegas. Así, a Fundación SGAE acollerá ás 12:30 horas a estrea de Os golfiños e o xigante, a nova produción de Fantoches Baj. Esta peza, destinada a maiores de catro anos, está baseada no texto do mesmo nome da autoría de Inacio Vilariño, galardoado no 2016 co XII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques infantil. É este un espectáculo de sombras chinesas que narra unha historia real coñecida por unha nova que se fixo eco a prensa internacional. O xigante Bao Xi Shun, considerado polo Record Guiness o home máis alto do planeta, conseguiu, grazas ao seu longuísimo brazo, salvar a uns golfiños dunha morte certa.

O Teatro Principal, ás 18:00 horas, acollerá a verdadeira sesión inaugural deste XXII Festival Galicreques, centrada na reestrea da montaxe Bala perdida, de Títeres Cachirulo. A peza, adaptación dun texto de Manuel Rivas, trata a historia dun pirata, un corsario da vida, un ser bondadoso e rosmón, un valente e xusticeiro, un filibusteiro atlántico que non habita na illa da Tartaruga, senón entre as néboas dun océano ignoto, misterioso e milenario. A obra combina os monicreques co teatro de actor e está interpretada por Lino Braxe, Manuela Varela, Xosé Bonome, Xoán Carlos Mejuto, Pedro Picos, Jorge Rey, César Goldi e Luísa Silvela. Antes da función de Bala Perdida, o escenario do Teatro Principal acollerá unha presentación-encontro co público n que participará o propio Manuel Rivas, xunto a Carmen Domech de Títeres Cachirulo.

A Xornada do domingo complétase cunha nova ruada de xigantes e cabezudos que percorrerá as rúas de Santiago dende ás 13:00 h. O pasarrúas repetirá o mesmo itinerario que o sábado, polo que partirá dende a Alameda ata a praza de Mazarelos, visitando o Toural e Praterías.

Luns escolar
Galicreques dedicará o luns á súa programación escolar, na que participarán ao longo da semana máis de 1.200 alumnos e alumnas. Esta programación, destinada á creación de novos públicos, principiará ás 11:00 horas na Fundación SGAE (rúa das Salvadas, 2A. Parque de Vista Alegre) coa función Vuela Pluma, da compañía murciana Periferia. Pola súa banda, Títeres Cachirulo celebrará unha funcións de Bala Perdida para o público escolar no Teatro Principal ás 11:30 horas. A xornada rematará ás 18:30 no CSC de Santa Marta con Cincenta, montaxe de actor e manipulación de obxectos a cargo da compañía galega Danthea Teatro. A obra achégase a este clásico infantil a través do zapateiro real, quen un día recibe no seu taller un estraño zapato de cristal.

Venda de entradas
As entradas para as funcións do Teatro Principal, Fundación SGAE e CSC de Santa Marta custan 5 euros por persoa, podendo adquirir catro billetes para un mesmo espectáculo por 15 euros. As entradas para as montaxes do Teatro Principal véndense de forma anticipada de martes a sábado en horario de 18:00 a 21:00 horas. Os días de función pódense adquirir dende unha hora antes do comezo do espectáculo. Na Fundación SGAE e no CSC de Santa Marta, as entradas véndense tamén dende unha hora antes do comezo do espectáculo.

Direcciones relacionadas



Compartir: