MEDIO AMBIENTE

Tropa Verde recibe o premio "Boa Práctica" en Desenvolvemento Urbano Sustentable

11/10/2017 Miguel Varela e Marta Morán, en representación do Concello e da empresa Teimas Desenvolvemento, recolleron en Tallin (Estonia) o premio "Boa Práctica" outorgado á iniciativa Tropa Verde SCQ no marco do festival do programa europeo URBACT. O galardón recoñeceu o esforzo innovador deste proxecto cara a consecución dunha cidade máis sustentable nas súas iniciativas empresariais e medioambientais.

Este premio "Boa Práctica" recoñece a Santiago como unha cidade líder dentro da Rede URBACT, co obxectivo de que se poidan transmitir os coñecementos sobre solucións sustentables e innovadoras a outras cidades que o soliciten. Miguel Varela e Marta Morán, como representantes de Tropa Verde, participaron en mesas redondas, sesións de networking, presentacións e paneis temáticos, explicando os obxectivos e experiencias logradas con Tropa Verde SCQ.

En Tallin reuníronse representantes 97 "Boas prácticas". Todos e todas mostraron os seus avances xunto cos seus procesos de traballo. En total, participaron 450 persoas chegadas de centos de municipios. En realidade o encontro estivo pensado tanto para as cidades premiadas con "Boas Prácticas" como para aqueles concellos que van a observar e a aprender desta rede de cidades, co obxectivo de poñer en marcha nun futuro iniciativas similares.

Tropa Verde é unha plataforma multimedia que naceu co obxectivo de fomentar a reciclaxe e a responsabilidade medio ambiental entre a cidadanía. Para iso premia de maneira directa aquelas boas accións medioambientais. Na súa web, tropaverde.org, conectan os tres elementos imprescindibles para chegar ao obxectivo marcado, que son cidadanía, lugares onde a cidadanía deposite residuos e que se premiarán con cheques da Tropa Verde e os comercios e establecementos de hostalería colaboradores, outorgándolles agasallos ou descontos.

A iniciativa URBACT para "Boas Prácticas" ten sacado adiante ideas innovadoras procedentes tanto de grandes cidades como pequenos concellos. Os resultados demostraron unha gran capacidade de enxeño e compromiso en cidades e vilas pequenas, todo para mellorar a inclusividade e a habitabilidade de diferentes lugares.

Direcciones relacionadas



Compartir: