MANTEMENTO E OBRAS

O Concello plantará especies autóctonas na zona de Lamas de Abade na que se tallaron eucaliptos

11/10/2017 O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial explicou hoxe en rolda de talla de árbores levada a cabo polo seu Departamento en Lamas de Abade, entre as rúas Divina Pastora e Raiola. Rafael Peña incidiu en que a actuación se levou a cabo para atender aos requirimentos presentados polos responsables de dous centros próximos, a gardería Raiola e a sede de Aspanaes, e "atendendo ao risco de incendio que supuñan os piñeiros, eucaliptos e enorme cantidade de maleza acumulada na parcela, de titularidade municipal".

O edil explicou que os informes técnicos apuntan que a parcela tiña unha "presenza de biomasa vexetal cunha incorrecta xestión, afectando ao espazo público e sen respectar a distancia entre esa biomasa e a edificación". Aclarou, ademais, que se adoptou unha resolución de urxencia, porque "a decisión adoptouse estando en período de alto risco de incendios". Rafael Peña explicou que tamén foi o persoal técnico o que analizou os presupostos para a realización dos traballos e estimou que "esas valoracións económicas se atopan dentro do rango de prezos do mercado tendo en conta a localización e o estado da biomasa vexetal".

Espazo a rexenerar
O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial incidiu en que nos terreos había fundamentalmente "especies invasoras como son os eucaliptos, o que supón que non se causou ningún dano ambiental". Ademais, engadiu que a intención do Concello é rexenerar esta zona "plantando especies autóctonas e facéndoo de maneira ordenada, para non afectar aos edificios próximos e non causar problemas de seguridade como os que tiñamos ata agora".

Obras da Alameda
Rafael Peña aproveitou a comparecencia para referirse ás obras executadas na Alameda, e que permitiron remodelar o pavimento do Paseo dos Leóns e de parte do tramo da Ferradura. O concelleiro explicou que se actuou en máis de 3.000 metros, e salientou que esta zona "non fora sometida a ningunha actuación de mantemento desde hai máis de sete anos".

O edil de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Reequilibrio Territorial explicou que nas obras se utilizou o material acordado pola Comisión Asesora de Cidade Histórica, e que xa antes fora empregado con éxito na costa de Santa Susana. Trátase do Aripaq, un pavimento natural formado por calcín de vidro, reactivos básicos e árido calibrado, e que, polo tanto, é totalmente respectuoso co medio ambiente.

Compartir: