POLÍTICAS SOCIAIS

Recepción en Raxoi a un grupo de peregrinas afectadas pola doenza de Huntington

11/10/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, recibiu esta tarde catro peregrinas canadenses afectadas pola doenza de Huntington. Xunto a ela estivo Ruth Blanco, presidenta da Asociación Corea de Huntington Española.

O grupo de peregrinación chegou esta mañá á praza do Obradoiro, tras ter iniciado a súa peregrinación o pasado 5 de setembro na localidade francesa de Saint Jean de Pied de Port. A delegación formábana catro mulleres afectadas pola doenza, xunto coas súas compañeiras. Todos eles proceden de Amstrong, na provincia canadense da Columbia Británica.

O obxectivo desta acción é crear conciencia na sociedade sobre a doenza de Huntington. En concreto, unha das integrantes da peregrinación, Ellie Smith, xa perdeu varios familiares por causa desta enfermidade sen cura. Durante o percorrido, Ellie Smith e o seu marido levaron camisolas co lema "Amo a alguén con HdD" e co logotipo "Team HD". Tamén no seu camiño foron entregando tarxetas informativas ás persoas que podían estar interesadas neste tema.

A enfermidade de Huntington é a terceira patoloxía neurodexenerativa máis importante despois do Alzheimer e do Parkinson. En España, as estimacións son de 4.000 persoas afectadas, ademais de 15.000 con risco de padecela. É unha doenza hereditaria e incurable da que ata agora se ten moi pouca información.

Compartir: