PROMOCIÓN ECONÓMICA

Convenio para o aproveitamento da enerxía solar no CERSIA

15/12/2006 O director do Instituto Enerxético de Galicia, Xoán Ramón Doldán García, e o Concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias, asinaron o convenio de colaboración para o desenvolvemento dun proxecto de integración e aproveitamento da enerxía solar no Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apio á Empresa (CERSIA).

No marco do convenio, o INEGA financiará e levará a cabo a instalación e explotación dos sistemas de aproveitamento solar previstos no edificio do CERSIA. Así, proxectará os sistemas de aproveitamento solar, concretará a súa ubicación no edificio e elaborará o plan de xestión da actuación. Tamén construirá unha instalación fotovoltaica conectada á rede, de aproximadamente 20 kWp de potencia, integrada na edificación. Finalmente, construirá unha instalación solar térmica de baixa temperatura para a xeración de auga quente sanitaria e apoio á calefacción, de aproximadamente 70 metros cadrados de superficie.

O edificio do CERSIA estase construíndo en San Lázaro. No edificio traballan 48 alumnos do Obradoiro de Emprego, das especialidades de carpintería, enerxías renovables e albanelería.

O Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa é un espazo pensado para a prestación de servizos de asesoramento e asistencia técnica para demandantes de emprego, emprendedores e a pequena e mediana empresa.

Compartir: