ACCIÓN CULTURAL

As Xornadas de Música Contemporánea 2017 ofrecen 18 concertos e inciden na confluencia da música con outras artes

28/09/2017 Baixo a premisa de promover e difundir as últimas tendencias e contribuír á innovación na contorna musical, as Xornadas de Música Contemporánea congregarán un ano máis en Santiago a artistas e formacións referenciais da música de culto e de vangarda. Do 7 de outubro ao 25 de novembro, diversos espazos da cidade como o Auditorio de Galicia, o Paraninfo e a Igrexa da Universidade, o CGAC ou o Teatro Principal servirán de escenario aos 18 concertos que se inclúen na programación deste ano.

Co título Música (e outras artes), a presente edición celebra a converxencia entre diferentes disciplinas artísticas e favorece unha contorna de alta creatividade que contribúe enormemente á escena cultural galega e estatal. O estímulo á investigación e experimentación musical e o compromiso coa difusión de novas propostas tradúcese, así, na presentación de 15 obras de estrea absoluta e 5 estreas en España, entre as que se contan numerosas composicións creadas por encargo do CNDM para a ocasión.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, e o director do Centro Nacional de Difusión Musical do INAEM, Antonio Moral, presentaron esta mañá na Casa do Concello o programa das Xornadas de Música Contemporánea 2017. O acto contou con representación das institucións que colaboran na organización do certame, a través das intervencións da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; a vicerreitora de Cultura da USC, María Dolores Álvarez; o director do CGAC, Santiago Olmo; e a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández.

Na súa intervención, Branca Novoneyra salientou a aposta pola innovación e a vangarda que comportan as Xornadas 2017 e puxo en valor a o diálogo que establecen entre a música e outras disciplinas artísticas. Ao tempo, agradeceu a colaboración das institucións que fan posible a presente edición, nunha "ampla representación de vontades que converxen nesta aposta consolidada pola música de calidade". No aplauso á transversalidade e transferencia artística da nova edición e á colaboración inter-institucional tamén se pronunciaron Mª Dolores Álvarez, vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, e Santiago Olmo, director do CGAC.

Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, enmarcou as Xornadas na intensa actividade cultural coa que Compostela abre cada ano o outono e animou as institucións a seguir traballando por "manter a viveza dunha cidade que ten que ser, como capital do país, centro cultural". Sanmartín convidou tamén a cidadanía a gozar da música en directo nos heteroxéneos espazos que serven de escenario idónea a cada un dos concertos.

A atención á innovación musical e á exploración doutros ámbitos sonoros centrou a intervención da xerente do Consorcio. Belén Hernández destacou o reto artístico que a Real Filharmonía de Galicia asume na súa participación nas Xornadas e puxo en valor a colaboración da orquestra con outros axentes culturais e sociais da cidade, como o colectivo Pista Catro ou a ONG Tierra de Hombres.

Finalmente, o director do CDNM insistiu no carácter anovador do programa con 15 estreas absolutas en 18 concertos, nos que a música se pon en contextualización con outras disciplinas como a pintura, o cinema, a vídeo arte ou a danza. Antonio Moral referiuse ás Xornadas como unha das apostas máis consolidadas do proxecto de difusión musical do CNDM e aplaudiu a capacidade de co-participación das institucións para levar adiante un certame xa referencial na contorna galega e estatal.

As Xornadas de Música Contemporánea en detalle
As Xornadas comezarán o sábado 7 de outubro no CGAC cun concerto do Grupo Cosmos 21 no que o seu director, Carlos Galán, presentará o seu último traballo. Unha semana despois, o sábado 14, o Grupo Instrumental Século XX ofrecerá na Igrexa da Universidade o programa O cuarteto de corda contemporáneo en Galicia, centrado nas composicións de autores galegos como Paulino Pereiro, Antón de Santiago, Manuel Balboa, Jesús González e Manuel Rodeiro. O mesmo escenario acollerá o venres 20 o concerto Lecturas diferenciadas, do cuarteto de saxofóns Sigma Project. Un programa de cinco composicións de autores consolidados na escala internacional, entre as que se conta unha encarga do CNDM ao compositor galego Jacobo Gaspar. A mezzosoprano andaluza Madalena Llamas e o pianista madrileño Luis Fernando Pérez protagonizarán o concerto O triángulo das musas, que terá lugar o sábado 21 de outubro no Paraninfo da Universidade. Un recital con cancións compostas nos séculos XIX, XX e XXI, entre as que se inclúe a estrea absoluta de Cinco Canciones Verdes, de José Luis Turina.

Será a Banda Municipal de Música de Santiago a que principie a participación de conxuntos composteláns nas Xornadas de Música Contemporánea 2017. O domingo 21, o Teatro Principal acollerá o concerto ConcorDanzas do Novo e do Vello Mundo, no que a formación dirixida por Casiano Mouriño ofrecerá un encontro entre as tradicións musicais americana e europea a través da interpretación de obras de G.Miller, A. Reed, F. Ticheli, A. Dvořák e H. Frigyes. A Real Filharmonía de Galicia , baixo a dirección de Paul Daniel, tomará o testemuño en dous concertos no Auditorio de Galicia. No primeiro deles, o xoves 26 de outubro, presentará o programa Neoclasicismo Actual, que fai confluír o Concerto para violín de I. Stravinski con obras de recente creación do compositor galego E. Soutullo e os autores fineses M. Lindberg e L. Wennäkoski. A entrada para este recital, que forma parte da tempada de abono 2017-2018 da RFG, terá un prezo de 15 euros e poderá ser adquirida nos despachos de billetes do Teatro Principal e o Auditorio e na web entradas.abanca.com. O segundo dos concertos da formación, programado o 27 de outubro, intégrase no ciclo Descubre unha orquestra para ti, a túa!, coa que a RFG procura achegar a súa proposta musical a novos públicos. Este recital, no que só se interpretarán pezas de Stravinski e Wennäkoski, forma tamén parte do programa RFG Solidaria, para a visibilización do labor a prol da infancia de diferentes ONG’s compostelás. Neste caso, o prezo da entrada é de 5 euros e pode ser adquirida polas mesmas canles. En ambos concertos, a RFG contará coa participación do violinista Matthieu Arama e o malabarista Pablo Reboleiro.

O venres 27 de outubro, Paulo p. e Berta Fresco levarán ao Paraninfo da USC un programa para gaita e piano que amosa a perfecta sintonía entre ambos instrumentos e reivindica as capacidades expresivas da gaita de fol na música contemporánea. Ao día seguinte, o sábado 28 de outubro, o Vertixe Sonora Ensemble ofrecerá no CGAC o concerto 4VEV-Cuatro visiones de ensemble y vídeo, catro pezas de estrea en España que exploran as posibilidades relacionais entre a música e as artes visuais. A seguir coa fusión entre as distintas disciplinas artísticas, os Grupos de Danza Contemporánea e Percusión dos Conservatorios Profesionais de Lugo pecharán a programación de outubro co espectáculo Six Japanese Gardens. Música, danza e pintura en vivo, nun espectáculo inspirado na concepción xaponesa do círculo como símbolo de transformación constante e rexeneración continua.

A recuperación e celebración do patrimonio musical galego marcará o inicio dos concertos de novembro. O venres 3, o conxunto compostelán Vox Stellae interpretará na Igrexa da Universidade o programa Sede de Beleza, unha homenaxe ao compositor e musicólogo Joam Trillo que inclúe catro das súas composicións corais máis importantes. Pechará o concerto a estrea absoluta dunha peza para coro e marimba de Marcos Mato, percusionista, compositor e alumno de Trillo. O sábado 4, os compoñentes de Zoar presentarán ao público Nas marxes do pentagrama, á beira do Prata e o Mandeo, unha viaxe pola vida e obra do compositor betanceiro Carlos López García-Picos.

A seguir coa posta en valor da música galega e co estímulo a relación con outras artes, o venres 10 de novembro, o Taller Atlántico Contemporáneo levará ao CCAG a proposta Anatomías Musicais. Canda a obra de inspiración pictórica Vesalii Icons, composta por M. Davies, o programa inclúe a estrea absoluta dunha peza de Fernando Buide, un dos autores galegos de maior proxección internacional. Diálogos en música é o título do recital co que a Orquestra de Cámara Galega homenaxeará a Rogelio Groba o sábado 11 de novembro na Igrexa da Universidade. Xunto a dúas das súas obras, o programa inclúe pezas de K. Penderecki, de H. Genzmer e do propio director da OCGA, Rogelio Groba Otero.

O domingo 12 de novembro resérvanos un espectáculo para público infantil e familiar. A Igrexa da Universidade dará acollida á Orquestra da USC na interpretación de Pedro e o lobo, un programa que reúne a ben coñecida peza homónima de Prokofiev coa obra gañadora do I Concurso de Composición para Orquestras Amateur.

Na recta final das Xornadas, o venres 17 de novembro, o Auditorio de Galicia recibirá a compañía La Phármaco. Esta reputada formación de danza ofrecerá un espectáculo baseado na figura de Kaspar Hauser, o denominado "orfo de Europa". Unha representación con baile e música en vivo que apela á "natureza poética e salvaxe do humano". Alén de pintura e danza, esta edición do certame non se esquece doutra das grandes artes, o cinema. O sábado 18 de novembro, no CGAC, o cinematógrafo converterase en eixo da proposta do pianista Nicasio Gradaille. A partir de filmes de directores icónicos como Kubrick e Hitchcock, Gradaille afonda nas posibilidades sónicas derivadas dos erros e disfuncións da tecnoloxía.

Os concertos de peche da edición de 2017 resérvanse dúas estreas absolutas. A primeira delas, unha encarga do CNDM ao compositor valenciano Juan Ávila, que reunirá ao trompetista Manuel Blanco e ao pianista Jesús Sánchez no Paraninfo da Universidade o venres 24 de novembro. O programa do recital, titulado Lendas e fantasías, inclúe pezas de A. Honegger, G. Enesco, C. Debussy, G Parés, R. Shchedrin, I. Albéniz e P. M. Davies. O sábado 25 de novembro, na Igrexa da Universidade, o Cuarteto Granados porá fin ao certame cun concerto que compartirán coa soprano Alicia Amo. O programa Cuarteto con voz inclúe a estrea dunha obra do pianista e compositor Gustavo Díaz Jerez, a reestrea dunha obra de Jesús Torres, encargo do CNDM e o Cuarteto núm 2, op. 10 de A. Schoenberg, co que o autor vienés iniciou a etapa que o conduciría ao dodecafonismo.

A excepción dos dous concertos da Real Filharmonía, todas as actuacións das Xornadas de Música Contemporánea 2017 son de acceso libre e gratuíto ata completar aforo.

Direcciones relacionadas



Compartir: