MEDIO AMBIENTE

A nova depuradora licitarase en 2007

15/12/2006 O alcalde compostelán felicitouse polo compromiso manifestado polo Ministerio de Medio Ambiente para que o proxecto e a obra da nova depuradora sexa licitada en 2007. Este compromiso, ratificado ante o Congreso dos Deputados, contempla un prazo de execución de dous anos.

Este anuncio uniuse a outros realizados esta mesma semana, como a adxudicación da primeira fase da nova rede de colectores, no tramo comprendido entre San Lázaro e Pontepedriña/Conxo. A segunda fase, entre O Restollal e A Silvouta, será licitada no primeiro trimestre de 2007.

Con estas tres obras, a rede de depuración de auga podería estar lista a finais de 2009, segundo as previsións do Ministerio, aínda que Sánchez Bugallo advertiu sobre a complexidade da obra da estación depuradora, que obrigará a compaxinar a construción da nova co funcionamento da antiga.

Reforma da Praza de Abastos

O alcalde tamén valorou a xuntanza mantida esta semana cos responsables do Ministerio de Vivenda sobre a reforma da Praza de Abastos. Sánchez Bugallo apuntou que se está a buscar unha "solución razoable" para a execución destas obras, na que o orzamento é compartido.

Se ben legalmente é posible a contratación de dúas empresas para executar a obra, o alcalde indicou que a "mellor opción" é que as leve a cabo unha soa. Por iso, agora estase a buscar a fórmula para que o Ministerio de Vivenda poida licitar as obras e o Concello poida achegar a súa parte orzamentaria á empresa que resultara adxudicataria.

Sánchez Bugallo indicou que dende Vivenda afirman que esta é unha fórmula válida e factible, tomando como referencia convenios asinados con outras cidades. Deste xeito, se os servizos xurídicos municipais consideran regulamentaria esta fórmula, será a que vaia adiante.

Compartir: