ALCALDÍA

Recepción en Raxoi ao alumnado do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires

22/09/2017 O alcalde, Martiño Noriega, xunto a representantes dos grupos da Corporación municipal, recibiu no salón nobre de Raxoi unha representación dos alumnos e alumnas do Instituto Santiago Apóstol, de Bos Aires.

Esta visita renova os lazos de unión entre a comunidade galega en Arxentina e Galicia. Precisamente, o alcalde lembrou os contactos mantidos polo Concello con esta institución educativa con motivo da presenza de Santiago de Compostela como cidade convidada da Feira do Libro de Bos Aires en abril de 2016.

O alcalde destacou a emotividade daquel encontro. Neste sentido, indicou que recepcións como a desta mañá reforzan os lazos entre Galicia e Santiago de Compostela cos descendentes da comunidade galega en Arxentina.

En nome do Instituto, o alumnado entregou a Martiño Noriega unha obra ilustración. Pola súa banda, o alcalde agasallou a representación bonaerense con dous libros sobre a cidade de Santiago, Santiago Invisible, colección de fotografías de Chema Ríos Torres, e a guía ilustrada Así é Santiago, de Fermín Solís.

Compartir: