CONSORCIO DE SANTIAGO

Maximino Zumalave dirixe á Real Filharmonía de Galicia nun concerto no Auditorio Nacional de Música de Madrid

14/12/2006 A Real Filharmonía sae de Santiago para actuar o venres 15 nun senlleiro concerto en Madrid. Trátase da tradicional cita de Nadal que se enmarca na XVII edición do Ciclo de concertos da Universidad Politécnica de Madrid. Deste xeito, as festas de Nadal na capital de España collen un sabor galego, coa interpretación da obra "O mencer dos soños", do coruñés Xabier de Paz.

O programa complétase con dúas pezas de Schubert. Nesta ocasión acompaña á RFG o coro da Universidad Polítécnica de Madrid. Os prezos do concerto varían dende os 8 ata os 36 euros, e as entradas atópanse á venda no despacho de billetes da Rede de Teatros do INAEM ou no teléfono 91 337 03 07.

Xabier de Paz, nado en 1963, foi un dos fundadores da Asociación Galega de Compositores. En 1993 obtivo o primeiro premio da VII edición dos premio da SGAE para compositores mozos coa peza "Sentado sobre un golfo de sombra". En 1996 gañou a prestixiosa bolsa de Pensionado da Academia de Belas Artes de Roma. A obra escollida para o concerto de Madrid, "O mencer dos soños", fora seleccionada para representar a España na Expo 2000 de Hannover.

Compartir: