ALCALDÍA

O alcalde recibiu a presidenta da Asemblea Lexislativa dos Azores

15/09/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu no Pazo de Raxoi a presidenta da Asemblea Lexislativa da Rexión Autonóma das Illas dos Azores, Ana Luísa Pereira Luís. No acto, no que tamén participou o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, representantes municipais e tamén da Asemblea dos Azores, Ana Luís asinou no Libro de Honra da Cidade.

Martiño Noriega destacou que tanto Galicia como Os Azores son países atlánticos, un nexo de unión que achega aos dous países ao resto do mundo. E Santiago como capital de Galicia, forma parte dese nexo de unión. O alcalde tamén se referiu ao vínculo lingüístico entre o galego e o portugués e transmitiu a amizade das xentes de Santiago ao pobo azorino.

A presidenta da Asemblea Rexional dos Azores, Ana Luís, agradeceu a amabilidade do alcalde polo recibimento e declarou que Santiago "é un dos lugares do mundo que aínda transmite paz".

Ana Luís é a primeira muller presidenta da Asemblea dos Azores. Indicou que os seus primeiros pasos na política foron no eido municipal e lembrou que o municipalismo ten a vantaxe de servir máis de preto á cidadanía. Tamén mencionou o piar que é o Parlamento dentro da democracia.

Os Azores celebraron o ano pasado os seus 40 anos de autonomía. Por iso, Ana Luís entregou a Martiño Noriega un recordo desa efeméride. Pola súa parte, o alcalde agasallouna cun exemplar do libro Santiago, meu amor, unha recompilación de fotografías da cidade de Alberte Peiteavel.

Compartir: