XUNTA DE GOBERNO

O Concello renovará a área de xogos infantil do parque Pablo Iglesias (Guadalupe)

15/09/2017 A Xunta de Goberno acordou este venres iniciar a licitación para a renovación da área de xogos infantil do parque Pablo Iglesias, no barrio de Guadalupe. Así o informou esta mañá o secretario da Xunta de Goberno, Xan Duro.

O proxecto ten un importe de licitación de 65.900 euros máis IVE e suporá a renovación total do parque, que estará adaptado a nenos e nenas con mobilidade reducida. A área deberá contar con xogos múltiples combinados que sexan accesibles en cadeira de rodas e cun tobogán mínimo de 1,5 metros. O contrato, unha vez adxudicado, terá un prazo de execución de tres meses.

Renovación de alumeado
Xan Duro deu conta tamén do inicio da Fase II de renovación do alumeado público que permitirá colocar 1.189 novas luminarias no termo municipal de Compostela. O concelleiro lembrou que este proxecto vai con cargo á subvención concedida ao Concello polo IDAE e que ascende a 1,5 millóns de euros.

Así, actuarase na rúa Clara Campoamor, Hórreo, e avenida de Lugo, Gonzalo Torrente Ballester e avenida Camilo José Cela, cun aforro de 58.716 euros ao ano. Tamén se substituirán luminarias na avenida Santiago de Cuba, Virxe de Fátima, estrada de Ourense, costa de San Marcos e SC-21, cun aforro anual de 49.184 euros.

Recollida de aceites
Na sesión deste venres tamén se acordou colaborar coa entidade Compostela Inserta para a recollida de aceites vexetais usados (de cociña) xerados no termo municipal de Compostela. Ademais, decidiuse ampliar esta colaboración á Asociación Hostalería Compostela para a recollida do aceite vexetal usado que se producen nos establecementos hostaleiros. Os detalles deste proxecto, tal e como indicou Xan Duro, serán presentados en rolda de prensa a vindeira semana.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: