EMPREGO

Un novo programa municipal facilita a conciliación da vida familiar e laboral

14/12/2006 O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Xosé Manuel Iglesias presentou o "Programa de apoio á eliminación de barreiras para a inserción socio-laboral". O seu obxectivo é favorecer a conciliación da vida familiar e laboral. O programa consiste na prestación de servizos eventuais e de carácter extraordinario a persoas dependentes, como levar os nenos á escola, acompañar aos maiores ao médico, coidar a un familiar enfermo, etc.

Para levar a cabo estes servizos a Promoción Económica alugou un coche e contratou a seis traballadoras que recibiron unha formación complementaria de 20 horas. O programa comezou esta semana e terá unha vixencia de nove meses. Divídese en dúas actuacións: servizo de coidadores a persoas enfermas ou maiores dependentes e servizo de canguros de apoio a domicilio, dirixido aos máis pequenos. Para solicitar algún destes servizos, os interesados teñen que contactar coa Concellaría.

O Programa conta cun orzamento de 59.760, euros e está incluído nos Programas de Cooperación asinados coa Consellería de Traballo. No ano 2006, 91 desempregados accederon ou accederán ao mercado laboral a través destes programas. Destas persoas, 55 son mulleres e 36 son homes.

O obxectivo destes programas é contratar a desempregados para desenvolver obras e servizos de interese para a comunidade. Deste xeito increméntanse así as súas expectativas de reinserción e a súa cualificación profesional.

Os programas de emprego que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica teñen o obxectivo de insertar laboralmente ao colectivo feminino. Segundo os datos do informe do paro da Xunta, en outubro había en Santiago 5.860 parados. 3.756 son mulleres, o que representa un 64% do total.

Ademais do "Programa de apoio á eliminación de barreiras para a inserción socio-laboral", co que se insertaron laboralmente seis mulleres, existen outros proxectos que buscan a incorporación laboral feminina. É o caso do Equal Compostela Social, co que se crearon 21 novas empresas, o 90% creadas por mulleres; e do Proxecto Persoa, que busca a inserción de colectivos de difícil inserción laboral en novos xacementos de emprego. A través deste último programa accederon ao mercado de traballo 22 persoas, 19 delas mulleres.

Compartir: