DEPORTE

A VI edición do CorreSan arranca este sábado coa proba nocturna polas rúas da cidade histórica

12/09/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, presentou este martes a VI edición do Circuíto de Carreiras Saudables CorreSan. O CorreSan 2017, que ten como lema "Non é unha tolemia, é unha paixón", contará con catro probas. A primeira será este mesmo sábado, 16 de setembro, co percorrido nocturno pola cidade histórica.

Xunto á concelleira de Deporte estivo na rolda de prensa o delegado en Santiago da Federación Galega de Atletismo (FGA), Iván Sanmartín, quen estimou unha participación dunhas 1.000 persoas nesta nova edición do Circuíto. Lembrou que aínda está aberta a inscrición para a primeira proba, a CorreSan nocturna, que terá un percorrido para adultos e outro para as categorías escolares.

A inscrición pode formalizarse ata as 14:00 horas do 14 de setembro a través das webs do CorreSan ou de Carreiras Galegas, ou ben presencialmente no Departamento de Deportes de El Corte Inglés. Será aquí tamén onde os/as participantes deban recoller os seus dorsais o venres (de 10:00 a 22:00 horas) ou o propio sábado (de 10:00 a 18:00 horas).

A inscrición nesta proba, ao igual que nas outras tres do CorreSan ten un prezo de 6 euros para os adultos. A participación en todo o circuíto (as catro probas) ten un custo de 24 euros. As categorías escolares teñen inscrición gratuíta.

As seguintes probas do CorreSan serán a da Ruta da Prata-Angrois (14 de outubro), a Ruta dos Parques (o 4 de novembro) e a Mantible-Vite (2 de decembro), esta última novidade este ano, levando así tamén o Circuíto de Carreiras Saudables ao norte da cidade.

Tamén participou na rolda de prensa o presidente do Club de Atletismo MillaRaio e membro da xunta da FGA, David García, quen remarcou a aposta polo deporte popular, que é a base do CorreSan, ademais de ser unha oportunidade para facer deporte en familia.

Finalmente, o director de Relacións Externas de El Corte Inglés, Pati Blanco, agradeceu a implicación de todos os clubs e tamén animou á participación nun circuíto coma este que, máis alá do seu compoñente competitivo, aposta pola saúde.

Direcciones relacionadas



Compartir: