XUNTA DE GOBERNO

O Plan de Igualdade e o Plan de Mobilidade Urbana Sostible, primeiros proxectos a sufragar cos fondos da EDUSI

11/08/2017 A alcaldesa en funcións, María Rozas, deu conta hoxe dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local celebrada este venres. Na mesma acordouse remitir ao Ministerio de Facenda a documentación complementaria sobre dous dos proxectos que se financiarán con cargo á Estratexia de Desenvolvemento Urbano, Sostible e Integral (EDUSI).

Trátase do Plan Municipal de Igualdade e da revisión e actualización do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, que teñen un orzamento de 100.000 e 200.000 euros, respectivamente. "O envío desta documentación é necesario para que o Ministerio comprobe que se cumpren os requisitos e autorice o desenvolvemento do proxecto".

Fomento do emprego
A Xunta de Goberno aprobou tamén solicitar a subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria por importe de 136.000 euros para a posta en marcha do programa Emprego Santiago VI, 2017- 2018. O Concello sufragará o 20% do proxecto por importe de 40.800 euros na anualidade de 2017 e de 11.011 euros na de 2018.

Ademais, aceptáronse dúas subvencións máis para poñer en marcha accións destinadas a persoas desempregadas e para a realización dun obradoiro de emprego. No primeiro caso trátase dunha subvención de case 200.000 euros para realizar catro accións formativas relacionadas coa fontanería, a instalación e o mantemento solar térmico e a montaxe de rede de augas. No segundo caso, trataríase de poñer en marcha o Obradoiro Ecotur Xuvenil III, cunha subvención de 140.188 euros e unha achega municipal de 50.000 euros. Neste obradoiro formativo participarán 14 alumnos e alumnas.

Cláusulas sociais
Este venres tamén se aprobou a incorporación de cláusulas sociais nos contratos públicos que estableza o Concello con calquera empresa. Con este acordo quere obrigarse ás empresas a que incorporen melloras dende o punto de vista laboral. O obxectivo das cláusulas sociais pasa por lograr a inclusión de persoas en risco de exclusión social ou laboral, o fomento da igualdade efectiva entre mulleres e homes, a inclusión de persoas con diversidade funcional, a promoción da calidade e a estabilidade no emprego, a conciliación da vida familiar e laboral ou a promoción da economía social e as Pemes.

Outros asuntos
A Xunta de Goberno de hoxe deu luz verde á colocación de 33 colectores para que os veciños e veciñas de Compostela poidan deixar a roupa e o calzado usados. Acordouse adxudicar a súa colocación e xestión á empresa Arroupa Santiago, quen deberá realizar un total de 317 horas anuais de actuacións de sensibilidade ambiental.

Tamén se adxudicou a CYS Hispania o contrato de reforma da cuberta e mellora da instalación de iluminación do pavillón do Monte dos Postes. A obra ten un orzamento de 120.036,99 euros máis IVE.

Finalmente, acordouse a participación do Concello na convocatoria da Política social para subvencións de programas desenvolvidos polas corporacións locais para a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión. Solicítase 127.423,67 euros para o desenvolvemento de tres programas: un dirixido ao desenvolvemento integral do pobo xitano, outro á inclusión de colectivos en risco de exclusión e un máis para a inclusión social dos menores a cargo.

Documentos relacionados



Compartir: