CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia interpretará "El amor brujo", de Manuel de Falla, este venres no Auditorio

10/08/2017 No marco da 60ª edición do Curso Universitario Internacional de Música Española Música en Compostela, a Real Filharmonía de Galicia participa cun novo concerto este venres. Será ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia, baixo a batuta do director asociado da orquestra, o mestre compostelán Maximino Zumalave. Ademais, intervirá como solista o violoncellista canario Ángel Luis Quintana.

O concerto comezará con fragmentos de Soleriana, de Joaquín Rodrigo (1901-1999), unha das obras orquestrais máis longas do popular compositor español. Este ballet, baseado nas obras do compositor Antonio Soler, foi escrito para o bailarín Antonio e a súa compañía, que o estreou en Granada en 1953.

De seguido, os músicos tocarán o Concerto para violoncello en Sol maior de Luigi Boccherini (1743-1805), compositor e violoncellista italiano afincado dende os 25 anos en España, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira. Interpretarao o violoncellista Ángel Luis Quintana, solista da Orquesta Nacional de España, profesor do Conservatorio Superior de Música do Liceo de Barcelona e profesor convidado do Conservatorio de Rótterdam. Toca un violoncello Guadagnini do ano 1800.

O público asistente tamén terá a oportunidade de escoitar Sortilegis, do catalán Xavier Montsalvatge (1912-2002), unha das figuras clave da música española da segunda metade do século XX. Escribiuna en 1992 para a Orquestra de Cadaqués, co fin de servir de obra obrigatoria para os finalistas do Primeiro Concurso Internacional de Cadaqués de Directores de Orquesta. Tratábase de propor unha obra complexa a unha serie de directores novos que participaban no certame.

El amor brujo
O concerto rematará con El amor brujo, de Manuel de Falla (1876-1946), a obra máis coñecida do autor. O día da súa estrea foi bastante criticada, polo que tivo que modificala. A nova versión é considerada unha das obras máis importantes da música clásica española. É unha historia de feitizos e bruxería. Narra o amor atormentado dunha moza xitana, Candela, á que se lle aparece o espectro dun amante morto, celoso ante a súa relación con Carmelo.

Compartir: