EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O CEIP Lamas de Abade disporá dunha nova aula de infantil no espazo da antiga vivenda do conserxe

08/08/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, visitou esta mañá o CEIP Lamas de Abade acompañado do seu director, Pepe Miguéns; do presidente da ANPA, Antón Barros, e dunha representante do CPR Raiola, Magdalena Rodríguez.

Manuel Dios visitou a antiga vivenda do conserxe, recuperada para uso público nos últimos días despois de "moitos meses de traballo". Tal e como explicou o concelleiro, o venres pasado xa se lle fixo entrega das chaves á Consellería de Educación para que poida acometer as obras de ampliación do colexio, que disporá no curso que vén dunha nova aula de educación infantil, o que permitirá darlle solución ao problema de espazo que viñan sufrindo. O edil comprobou tamén os avances nas obras de acondicionamento da vivenda.

"Así resólvese un caso de ocupación irregular, que os catro últimos gobernos municipais de Santiago non solucionaron e que supón recuperar para o patrimonio público este espazo", engadiu Manuel Dios. Foi en febreiro deste ano cando a Xunta de Goberno acordou a expropiación desta vivenda despois de que en abril de 2016 o alcalde, Martiño Noriega, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asinaran a ampliación do CEIP Lamas de Abade mediante a habilitación de dúas novas aulas.

Longo proceso
Manuel Dios explicou que a situación desta vivenda se remonta a 1993, cando o Concello lle adxudicou a unha persoa a conserxería do centro, que incluía tamén a posibilidade de habitar nesa vivenda ata que finalizara o contrato. Posteriormente foi a filla desa persoa quen desempeñou ese cargo de conserxería ata 1997, cando cambiou de centro pero non abandonou a vivenda.

Xa en 2009, o Concello reclamou a vivenda sen éxito e a cuestión entrou na vía xudicial. Non é ata este verán cando se consegue que volva a titularidade pública despois de que o Concello tivera que aboar o prezo da expropiación.

Pola súa banda, tanto o presidente da ANPA como o director do centro manifestaron sentir unha sensación "agridoce" xa que, despois do traballo levado a cabo polo Concello para recuperar a vivenda, "a Consellería de Educación di que só se vai construír unha aula, cando as necesidades do centro son maiores", tal e como manifestou Pepe Miguéns. Ademais, lembrou o compromiso da Xunta de "construír un aulario novo con 6 aulas de infantil que está previsto para setembro de 2019".

Antón Barros agradeceu ao Concello a recuperación deste espazo, pero recoñeceu que "é unha mágoa que non se dote ao centro das dúas aulas que precisa".

Na mesma liña se manifestou Magdalena Rodríguez, quen se amosou moi satisfeita porque "os nenos e nenas do Raiola non estean desperdigados por toda a cidade e poidan cursar os seus estudos no CEIP Lamas de Abade". Iso si, sumouse ás peticións de ampliación do colexio coa construción futura dun aulario de seis espazos.

Compartir: