CULTURA

"Implícate": unha chamada á solidariedade e á reflexión

13/12/2006 Co obxectivo de facer unha chamada á solidariedade e á reflexión, o Auditorio de Galicia acolle por segundo ano o evento "Implícate! Noite de música e palabra solidaria", organizada pola ONG Implicadas no Desenvolvemento (IND). Un bo número de artistas galegos de diversas disciplina colaborarán desinteresadamente neste espectáculo, cuxa recadación será destinada a financiar proxectos de cooperación para o desenvolvemento. A cita é o sábado 16 ás 20:00 horas.

Unha das presentadoras da Gala, Yolanda Castaño, presentou a lista de artistas participantes, entre os que se atopan Rosa Cedrón, Deluxe, Avalon, Isga Collective, Inquedanza, María Reimóndez, Chévere, Carlos Blanco, Emma Couceiro, Lucía Aldao, Rosa Aneiros, Álvarez Cáccamo ou Antía Otero. Música, danza, teatro e literatura para unha noite de concienciación colectiva.

Este evento pretende facer un chamamento á solidariedade das galegas e galegos, unindo nesa noite a cultura galega e a solidariedade. O propósito principal é dar a coñecer o traballo desta organización de cooperación ao desenvolvemento galega. "Queremos crear unha masa crítica dentro de Galicia, de forma que, ademais de pasar un momento divertido, introduzamos motivos para a reflexión", apuntou María Reimóndez, de IND. Neste mesmo obxectivo insistiu a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, e do director xeral de Produción e Difusión Cultural, Luis Bará, que animou á sociedade galega a implicarse en proxectos como os desenvolvidos por IND.

O diñeiro recadado nesta gala destinarase especificamente a un proxecto que a ONG está levando a cabo en Karaikal (India), lugar afectado polo tsunami de decembro de 2004.

"Implicadas no desenvolvemento" é unha ONG que actúa en Galicia dende 1998 para apoiar proxectos de desenvolvemento integral no sur da India e Etiopía. Estes proxectos teñen como obxectivos apoiar ás comunidades para que poidan mellorar a súa situación de miseria a través de formación e capacitación, facilitar o acceso á educación, mellorar as condicións sanitarias e alimenticias da poboación e conseguir unha implicación directa de toda a comunidade a través da organización comunitaria. Este ano están centrado os contidos das súas actividades nos microcréditos e, entre os seus próximos proxectos, está a inauguración, o 15 de decembro, dunha exposición de 10 artistas plásticas galegas sobre a explotación laboral no sector téxtil.

Compartir: