DEPORTES

Máis de 600 persoas asistirán á Gala do Deporte compostelán

12/12/2006 O hotel Porta do Camiño acollerá o venres 15 a Gala do Deporte compostelán. Máis de 600 persoas teñen confirmada a asistencia a este evento, que este ano pretende recuperar a memoria histórica do deporte da cidade e homenaxear a varios dos seus representantes.

Entre os que teñen confirmada a asistencia están Cristina Lodeiro e Rosario Gesto, que van ser homenaxeadas a proposta do Consello Municipal de Deportes, para recibir o premio ao mérito deportivo 2006. Ademais, recibirán honras as persoas que entre 1900 e 1950 foron referencia do deporte compostelán, como Joaquín López, Moncho Vilas, Carretero, Mauro Rodríguez, Gernán, Cea, Elisardo ou José Bernárdez. Cómpre lembrar que a Fundación Compostela Deporte vai facer unha exposición sobre esta época.

Previamente á Gala do Deporte. o padroado da Fundación Compostela Deporte entregará as axudas da Fundación Compostela Deporte aos clubs federados da cidade, repartindo máis de 100.000€ en diversos conceptos: transporte, material informático e material deportivo. Estas axudas serán entregadas a máis de 70 entidades deportivas de base. O acto estará presidido polos membros do padroado da Fundación, entre eles o alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo como presidente, e o concelleiro de Deportes, Manuel Portas, como vicepresidente da Fundación Compostela Deporte

Compartir: