FESTAS

As agrupacións Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Ultreia e Ponte Vella agasallaranos co mellor folclore

21/07/2017 A concelleira de Mocidade, Deportes e Benestar Animal, Noa Morales, presentou esta mañá a 49ª edición da Xornada de Folclore, que reunirá o domingo na praza da Quintana as agrupacións compostelás Brincadeira, Cantigas e Agarimos e Ultreia, e a teense Ponte Vella.

Na súa intervención, Noa Morales, destacou a "alta calidade dos grupos que actuarán na popular praza o domingo a partir das 21:30 horas. 49 anos que Compostela foi testemuña da posta en valor dunha parte fundamental da nosa identidade como pobo, as nosas músicas e o noso baile".

A cita é posible grazas á colaboración do Centro Comercial As Cancelas e permitirá que os grupos de folclore da cidade poidan amosar o que levan traballado durante todo o ano. De feito, Montse Rivero, de Brincadeira, destacou "que esta xornada é unha referencia en Galicia" e apostou por facer aínda algo mais especial o ano vindeiro que se cumprirán 50 edicións.

Pola súa banda, Gustavo Couto, do colectivo Ultreia, fixo fincapé na importancia que esta xornada ten "para amosar o traballo que se leva facendo durante todo o ano". Na mesma liña se pronunciou Manuel Rey, representante de Cantigas e Agarimos, quen tamén amosou a súa satisfacción por poder actuar nun enclave tan emblemático como a praza da Quintana. Finalmente, Manuel Edreira, do grupo convidado de Teo, Ponte Vella, destacou "a importancia dos grupos de Compostela, que son referencia no país e espello no que mirarse polo bo traballo que fan".

Direcciones relacionadas



Compartir: