EXPOSICIÓN

O Concello e o Consorcio organizan visitas guiadas á exposición "Intramuros"

12/12/2006 O Consorcio de Santiago, en colaboración coa Concellería de Educación, desenvolverá un programa de visitas guiadas para escolares e adultos á exposición "Intramuros". Deste xeito, todos poderán descubrir polo miúdo a vida e arte dos conventos de clausura grazas a unha mostra pola que xa pasaron 110.000 visitantes.

Na presentación da iniciativa, o presidente do Consorcio e alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que se trata dunha oportunidade para que "os escolares coñezan unha parte da realidade da cidade de Santiago". Ademais, lembrou as tres dimensións que está a representar "Intramuros" para Compostela: a posta en valor do edificio do Banco de España, a exposición en si mesma e a integración dos veciños na propia cidade.

Na recuperación do edificio tamén insistiu o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, que puxo á mostra como unha experiencia útil cara o obxectivo final, que é conseguir que o Banco de España se converta no Museo da cidade de Santiago. Sobre as visitas guiadas, apuntou que "dan unha vida nova á exposición"

Pola súa parte, a concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos, manifestou a súa satisfacción por "poder poñer a experiencia do departamento na utilización didáctica das exposicións ao servizo desta mostra". Apuntou que xa hai demanda para estas visitas e a súa confianza en que esta se estenda tamén a escolares do contorno de Compostela.

O programa de visitas gratuítas ofrece a posibilidade de contemplar a exposición de "Intramuros" na compaña dun guía, que amosará aos visitantes os aspectos artísticos e conceptuais da vida conventual dende un punto de vista didáctico e ilustrativo. Durante o percorrido, accederase ás distintas estancias dun convento: a igrexa-coro, a horta-xardín, o refectorio, a cela. Así, escolares e adultos poderán percibir a importancia da vida espiritual na vida monástica e dos diferentes elementos que axudarán a comprendela: o silencio, a música, as candeas…

As visitas, duns 40 minutos, están dirixidas fundamentalmente a grupos de escolares, a través dos colexios de educación primaria e secundaria obrigatoria, así como a grupos familiares dentro do programa Nadalxogo.

Compartir: