BENESTAR SOCIAL

As entidades de acción social de Compostela presentan as súas propostas á Lei de Dependencia

12/12/2006 Despois dun traballo de observación e análise nos últimos meses, as entidades de acción social de Compostela elaboraron un documento con consideracións e propostas á Lei de promoción de autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia foi. Este informe foi presentado nunha xuntanza extraordinaria do Consello Municipal de Servizos Sociais, celebrada no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche.

Co obxecto de mellorar a formulación da Lei e de facilitar a súa posta en marcha en Galicia, as entidades da cidade consideran que é necesario que a norma atenda máis á promoción da autonomía persoal e á prevención da dependencia. Así, o informe indica que a Lei céntrase nas persoas dependentes en clave de atención asistencial.

Considérase tamén que os dispositivos existentes na actualidade para a posta en marcha desta Lei son "insuficientes, dispersos e con escasa coordinación entre os mesmos". Por iso, estímase que este é o momento axeitado para "planificar e dotarmos dunha rede de equipos profesionais que compartan un modelo de intervención integral e continuado centrado na persoa e o seu contorno". O informe recalca que estes dispositivos deben estar integrados nas cidade, nos barrios e na zona rural para que poidan ser eficaces.

Outro aspecto contido no documento é a necesidade de contar co sector da iniciativa social sen ánimo de lucro para a posta en marcha desta Lei, debido á súa experiencia durante anos na atención a gran número de persoas en situación de dependencia. Estas entidades demandan a súa participación en programas de formación, valoración da dependencia ou nos dispositivos de coordinación dos servizos sociais e sanitarios.

Articulado

Todas estas consideración xerais tradúcense no documento en propostas concretas respecto o articulado da Lei. Atenden fundamentalmente á definición de dependencia, á valoración da dependencia e ao catálogo de servizos. Neste último punto solicítase unha concreción polo miúdo e un maior carácter integral dos existentes. Tamén se demanda a inclusión doutros novos servizos, como os de atención ocupacional, de apoio para o ocio e a integración social, de apoio ás familias coidadoras de persoas en situación de dependencia, de asunción de tutelas ou de intérprete de lingua de sinais.

Respecto á valoración da dependencia, as entidades composteláns consideran que as definicións de autonomía e dependencia non recollen o caracter de intermitencia que teñen persoas afectadas por enfermidade mental, que basculan entre a autonomía e a dependencia segundo a evolución da enfermidade. Por iso propoñen unha visión máis dinámica do problema, que permita ás persoas con enfermidade mental unha vinculación máis flexible co sistema de atención.

Compartir: