XUNTA DE GOBERNO

A empresa Acciona encargarase de novo este ano dos Fogos do Apóstolo

14/07/2017 A empresa Acciona volverase encargar este ano dos Fogos do Apóstolo, despois de que a Xunta de Goberno aprobara hoxe a adxudicación do contrato, por un importe de 217.099,83 euros, IVE incluído. Nel inclúense os dous espectáculos tradicionais das festas, o do 24 e o do 31.

O alcalde lembrou que Acciona "ten unha longa experiencia na realización dos Fogos do Apóstolo, e xa se ten encargado do espectáculo en máis de dez ocasións". Martiño Noriega sinalou que "este ano a pirotecnia non terá tanta presenza como o ano pasado, e por iso se valora especialmente que a empresa se comprometa a repetir a montaxe audiovisual dous días máis a maiores do 24, para que sexan máis as persoas que poidan vela na praza do Obradoiro".

Modificación de crédito
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou inicialmente un expediente de crédito extraordinario por un importe total dalgo máis de 81.000 euros. Esa cantidade estará dirixida á compra de dos vehículos eléctricos que na actualidade estaban cedidos ao Concello, ao programa de carpas para colaborar coas asociacións de veciños na organización de festexos, e á compra dunha aplicación informática.

Ademais, aprobouse outro expediente de modificación de crédito, suplemento de crédito e crédito extraordinario, que ten como obxectivo actualizar os proxectos que se van financiar con cargo ao POS + da Deputación da Coruña.

Premios Educacompostela
En materia de Educación, o Goberno local deu o visto bo ás bases dos Premios Educacompostela, que alcanzan a súa décima edición. Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer, promover, premiar e difundir publicamente aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

Outros acordos
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe reclamarlle á entidade que era adxudicataria da asistencia xurídica do Concello unha indemnización de 22.500 euros, por entenderse que incumpriu parcialmente as súas obrigas. O alcalde explicou que esta reclamación está relacionada con dous asuntos dos que xa se viñera informando: as expropiacións de Triacastela polas que o Concello tivo que pagar máis do previsto, e o recurso contra unha sentenza relacionada coa empresa Doal "que a asistencia xurídica non presentou, malia a que tiña orde por escrito de facelo".

Direcciones relacionadas



Compartir: