DEREITO Á VIVENDA

O Concello crea unha bolsa municipal de vivendas baleiras para o alugueiro

13/07/2017 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade anunciou hoxe a creación dunha bolsa municipal de vivendas baleiras, dispoñibles para o alugueiro. Jorge Duarte explicou que esta iniciativa, que mañá recibirá o visto bo da Xunta de Goberno, "supón un paso máis dentro do programa AVIVA, o Plan de Mobilización da Vivenda Baleira no que o Departamento leva meses traballando cun dobre obxectivo: poñer en valor a cidade construída, e facilitarlle o acceso a unha vivenda digna ás persoas que o necesitan".

A finalidade da Bolsa de Vivendas é dotar ao Concello de información suficiente en relación co número de vivendas desocupadas no termo municipal, así como das necesidades dos seus propietarios e propietarias para poñelas en alugamento. A partir de aí, o Goberno local deseñará as liñas de axudas ás que poderán optar os donos e donas dos pisos incluídos no rexistro, sempre que cumpran con algúns requirimentos do Concello. Duarte apuntou a posibilidade de que se fixen axudas destinadas a cubrir "o seguro de danos na vivenda, o seguro de caución para garantir o cobro do aluguer e, probablemente, compensacións económicas por un tanto por cento no IBI ou axudas para obras de rehabilitación menores",

Prezo delimitado
Entre os requisitos acordados polo Goberno local figura o prezo do aluguer. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade explicou que "a cidade estará distribuída en tres zonas con cadanseu prezo de aluguer delimitado, e que deberá ser aceptado polo propietario que se inscriba na Bolsa co obxectivo de acceder ás futuras liñas de axuda".

En función da zona e do número de futuros ocupantes das vivendas, os prezos de aluguer fixados polo Concello oscilarán entre os 275 e os 650 euros mensuais. Ademais, os propietarios e propietarias que se sumen á Bolsa de Vivenda Baleira deberán aceptar o límite de renda máxima dos posibles inquilinos fixado polo Concello.

Axudas complementarias ás autonómicas
Jorge Duarte explicou que co Programa de Mobilización da Vivenda Baleira "o Concello de Santiago vai un paso máis alá da Xunta de Galicia, que ten implantada unha liña de subvencións para a rehabilitación, mantemento e reforma das vivendas que vaian ser postas no mercado do aluguer". O edil explicou que "as axudas autonómicas están dirixidas unicamente a favorecer o aluguer a persoas en risco de exclusión social, e o Concello pretende que esta bolsa permita mobilizar vivendas baleiras para todo tipo de persoas, mesmo estudantes". Ademais, apuntou que "polo de agora, non hai ningunha vivenda de Santiago inscrita para participar no programa da Xunta".

Despois da súa aprobación na Xunta de Goberno de mañá, a proposta para a creación da Bolsa de Vivendas Baleiras para o Aluguer será publicada no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. Ao día seguinte deste trámite comezará o prazo para a presentación de solicitudes para formar parte da bolsa, prazo que rematará o 15 de setembro. As persoas interesadas poden dirixirse á Oficina de Vivenda e Rehabilitación da praza de Cervantes para coñecer toda a información.

Compartir: