FACENDA

A Oficina de Atención á Regularización Catastral atendeu unhas 2.500 persoas en catro meses

13/07/2017 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, fixo hoxe balance da actuación da Oficina de Atención á Regularización Catastral, posta en marcha polo Concello de Santiago para informar e asesorar á veciñanza tras a regularización catastral realizada polo Ministerio de Facenda.

Tal e como indicou a concelleira, "como Concello non temos competencias no Catastro, pero pensamos que era a nosa obriga facer todo o posible para informar á veciñanza desta regularización e das consecuencias que supuña". Nestes catro meses de apertura da oficina atendéronse 2.500 persoas, das cales 598 mostraron a súa vontade de presentar recursos/alegacións ao Catastro e solicitaron axuda para realizar o expediente de alegacións.

A oficina de atención posta en marcha para unha atención especializada por este motivo deixará de estar operativa o próximo xoves día 20. Se algún veciño ten unha notificación do Catastro e quere ser asesorado ou presentar alegacións aínda pode achegarse ata a próxima semana ou pedir cita previa. Rozas lembrou que "a oficina está en Galeras, na rúa Salvador Allende 4" e tamén recordou que se pode "pedir cita previa tanto por teléfono no 881 599 977 como na páxina web do Concello, a través do epígrafe Transparencia/Relacións coa cidadanía/Contacto co Concello/Cita previa, seleccionando a opción "Catastro".

Xuntanza nas parroquias
Ademais de poñer en marcha a oficina, María Rozas e o concelleiro de Medio Rural, Rafael Peña, tiveron reunións con todas as parroquias, ademais dunha xuntanza a tres bandas na que participaron o Concello, FERUSA e o Catastro e na que se conseguiron avances e melloras para os veciños por parte do Catastro. Conseguiuse a flexibilización nos prazos para presentar alegacións e tamén na documentación requirida á hora de presentar o recurso.

María Rozas deu conta tamén dos datos trasladados pola Dirección xeral de Catastro en relación á regularización posta en marcha polo organismo estatal. Así, a día 30 de maio realizáranse 6.000 notificacións a veciños e veciñas de Compostela e presentaranse case 600 alegacións, das cales máis de 400 foron vía Concello. A maioría relacionáronse con novas construcións e reformas e, en menor medida, con cambios de usos e piscinas.

Compartir: