TURISMO

Roma, Xerusalén e Santiago presentan a rede de Cidades Santas en Madrid

12/12/2006 Os tres grandes centros de peregrinación da Cristiandade presentan en Madrid a alianza ‘Cidades Santas Patrimonio da Humanidade’, creada para a colaboración en materia de conservación do patrimonio e promoción do turismo relixioso e cultural.

A presentación do grupo ‘Cidades Santas Patrimonio da Humanidade’ (Holy Cities, World Heritage Sites) terá lugar o mércores 13 de decembro na Casa de Galicia de Madrid. Durante o acto intervirán representantes das tres cidades membro, encabezados polo concelleiro de Turismo de Santiago de Compostela, Francisco Candela; Dolores Peres, de Turisrael e Veronica Molinari, do ENIT, a axencia de promoción turística de Italia.

O protocolo de intencións que enmarca a colaboración das Cidades Santas en materia patrimonial, relixiosa, cultural e turística foi asinado polo Concello de Santiago e os entes de promoción turística de Roma e Xerusalén en Santiago de Compostela en decembro do 2005.

Promoción e conservación dos destinos

Entre as tarefas asumidas polas ‘Cidades Santas’ atópase propiciar o uso sostible do patrimonio cultural e relixioso, conciliar a actividade turística coa vida cidadá, e promoverse a nivel internacional como destinos turísticos.

Neste sentido, Turismo de Santiago foi encargado de deseñar o plan de turismo que orientará a promoción conxunta das tres cidades. O plan, presentado en Roma o pasado 14 de decembro, logrará converter o eixo Roma-Xerusalén-Santiago nun ‘circuíto turístico moi potente de carácter patrimonial, relixioso e cultural, cun especial impacto en Europa e en mercados distantes’, segundo afirmou Candela.

Compartir: