SEGURIDADE

Cincuenta axentes da Policía Local fórmanse en dereito procesal penal

11/12/2006 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou, xunto á directora xeral de Interior da Xunta de Galicia, Isabel Gil; o xefe o corpo da Policía Local, Norberto Villaberde; a profesora titular de dereito procesal da USC, Raquel Castillejo; e o profesor da universidade Carlos III, Víctor Moreno, un curso sobre dereito procesal e penal dirixido ao corpo de policías locais de Santiago de Compostela.

No acto de inauguración do curso, o xefe da Policía Local, Norberto Villaverde, lembrou que Santiago é unha cidade segura pero existen riscos e "novas modalidades de delincuencia" que esixen unha intensa acción preventiva por parte dos axentes, e unha formación continua.

Pola súa banda, o alcalde compostelán sinalou que nunha "sociedade en estado de permanente evolución" cambian as demandas e as preocupacións. Así mesmo, nunha cidade como a nosa, con 92.000 habitantes empadroados, 30.000 estudantes e 30.000 residentes sen empadroar -ao que se engaden os turistas que diariamente visitan a nosa cidade- é unha cidade cun tránsito "complexo e variado" que esixe axentes formados e con moita "versatilidade" para ser efectivos.

Aínda que pareza que os nosos servizos están "sobredimensionados", sinalou, posto que dispoñemos dunha media de axentes por habitantes superior á da maioría das cidades de 90.000 habitantes, a ratio afúndese se engadimos os habitantes de feito. Actualmente, por cada mil habitantes empadroados hai 2,5 policías nacionais e dous policías locais.

Os perto de cincuenta alumnos matriculados terán clases por parte de quince poñentes diferentes ao longo do mes de decembro.

Compartir: