BENESTAR SOCIAL

Compostela contará cun equipo de inclusión sociolaboral

11/12/2006 O Concello e a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar colaborarán na contratación e posta en marcha dun equipo de inclusión sociolaboral en 2007, no marco do II Plan Galego de Inclusión Social. Será posible en virtude dun convenio de colaboración entre as dúas institucións, cuxa sinatura recibiu o visto bo da Xunta de Goberno. A Vicepresidencia achegará 132.000 euros para esta fin.

O obxectivo deste equipo, composto por tres persoas, será lograr que as persoas e familias compostelás en situación de pobreza e exclusión social logren adquiri-las habilidades necesarias para posibilitar o acceso ao emprego e a realización dunha vida máis normalizada. O equipo de inclusión estará en contacto directo con estas persoas que se atopan nunha situación de desvantaxe que provoca o mantemento de formas de vida marxinais.

Tamén en materia de servizos sociais, o Goberno local deu conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e o Servizo Galego de Igualdade (SGI) para o mantemento do Centro para a atención a mulleres vítimas de violencia dependente do Concello. En virtude do mesmo, o SGI achegará 30.000 euros para gastos correntes e de persoal, e 10.000 euros para obras de mellora de accesibilidade. Precisamente e con cargo a este convenio, a Xunta de Goberno adxudicou estas últimas obras.

Compartir: