INFRAESTRUTURAS

Os lugares de Torre e Igrexa (A Sionlla) únense á rede pública de auga potable

11/12/2006 O Concello investirá 59.835 euros na construción da rede de abastecemento de auga potable para os lugares de Torre e Igrexa (A Sionlla). O Goberno local aprobou o inicio do expediente de contratación destas obras, que teñen un prazo de execución de tres meses.

Deste xeito, as canalizacións de auga particulares dos veciños destes dous lugares quedarán incorporados á rede de auga pública. As obras están incluídas no Plan de Obras e Servizos adicional da Deputación provincial da Coruña.

Tráfico e Policía Local

A Xunta de Goberno, na súa sesión do luns 11 de novembro, procedeu tamén a adxudicación da instalación dun paso de peóns regulado por semáforos na saída do Monte do Seixo ao Restollal. Esta era unha reivindicación dos veciños, pola excesiva distancia entre os dous pasos de peóns existentes ata agora.

Na xuntanza tamén se adxudicou o subministro de prendas e uniformes para Policía Local da cidade, por un importe total de 109.00 euros, nos que se inclúen prendas a medida (70.286 euros), accesorios (15.603) e calzado (23.889).

Compartir: