URBANISMO

As obras de urbanización nas Cancelas poderán comezar en xaneiro

11/12/2006 A Xunta de Goberno local aprobou definitivamente o proxecto de urbanización do solo urbanizable non programado número 4 (SUNP-4), do Camiño Francés. Deste xeito, dáse un impulso definitivo á superficie na que irá o novo centro comercial das Cancelas. Tal como anunciou o alcalde días atrás, as obras poderán comezar en xaneiro.

O proxecto de urbanización afecta a unha superficie de máis de 144.000 metros cadrados, dos que 54.7000 destinaranse á construción do centro comercial. Neste solo edificaranse tamén cinco bloques de vivendas, un dos cales será para o Concello, que o destinará a vivendas sociais. Cada bloque levará de 30 a 25 vivendas de baixo e catro plantas.

Haberá 24.920 metros cadrados de zonas verdes e outros 28.889 para diversos espazos libres públicos. Na área comercial construirase un gran hipermercado de 7.000 metros cadrados, acompañados dunha ampla oferta de oficinas, tendas e establecementos de ocio. Habilitarase un aparcadoiro subterráneo de 1.200 prazas, ao que se engadirá outro público en superficie para 1.100 vehículos e acceso gratuíto.

A urbanización deste solo inclúe a apertura de varios vieiros, entre os que destaca un que unirá o campo de fútbol das Cancelas co cruce de Monte dos Postes. O obxectivo final é que esta ampla avenida conecte a nova área con Fontiñas.

Tal como anunciou Sánchez Bugallo, a empresa promotora ten previsto solicitar a licenza de obra na segunda metade de xaneiro. Inicialmente estímase que presentará un proxecto básico do novo centro comercial para que sexa estudado polos técnicos municipais.

Ademais de aprobar definitivamente o proxecto de urbanización, a Xunta de Goberno rexeitou as alegacións formuladas pola Asociación de Empresarios e Profesionais Compostela Monumental e pola Asociación de Comerciantes de Santiago de Compostela, por canto as cuestións alegadas, relativas ao impacto no tráfico, non son obxecto do devandito proxecto.

Sistema informatizado de xestión

O Goberno local tamén adxudicou o subministro e implantación dun sistema informatizado de xestión de expedientes no Servizo de Planeamento e Xestión da área de Urbanismo. Este novo sistema, que permitirá mellorar e axilizar o trámite dos expedientes, custará 45.000 euros.

Compartir: