EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Concerto especial en Cervantes das agrupacións da EMM con motivo do Día Europeo da Música

17/06/2017 Faltan só uns días para que se celebre o Día Europeo da Música (21 de xuño). Con motivo desta cita, varias agrupacións da Escola Municipal de Música celebraron un concerto especial na praza de Cervantes. Nesta ocasión, sumouse á cita o grupo de música tradicional Río de Anxo, de Rianxo.

Iniciaron o concerto a Orquestra de Iniciación e a Orquestra, ambas as dúas dirixidas por Mario Diz. Logo foi a vez da Banda de Iniciación, baixo a batuta de Fernando Rey, e da Banda, dirixida por Óscar Fernández. O programa musical completouno o pasarrúas do grupo Río de Anxo dende Porta Faxeira ata Cervantes.

Tras o concerto, a xornada pechouse cun acto institucional, que incluíu a interpretación do Himno da Alegría por todas as agrupacións participantes da EMM e, coa colaboración do Club Colombófilo "Alas Compostelanas", unha solta de pombas. Tamén se interpretou o Himno Galego para culminar un acto no que participou o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios.

Día Europeo da Música
O Día Europeo da Música é un evento no que músicos de todo tipo (profesionais, afeccionados, estudantes) toman as rúas das súas cidades e utilizan espazos pouco habituais para a expresión musical. Por outro lado, a festa serve para animar as principais institucións musicais (orquestras, óperas, coros, etc) a que realicen actividades fóra dos seus espazos habituais. Ao dar a benvida a outros tipos de música, estas institucións participan nun intercambio cultural que conecta os centros da cidade e as súas áreas periféricas, ofrecendo concertos en hospitais, prisións, igrexas e promovendo encontros entre os músicos máis novos e os profesionais. Na actualidade, este evento celébrase en máis de cen países do mundo.

O Concello de Santiago, a través do Departamento de Educación e Cidadanía, comezou con esta iniciativa no ano 2010 e en cada convocatoria teñen participado diferentes escolas de música da cidade, o Conservatorio, centros de ensino de distintos niveis educativos, coros, profesionais da música... coa realización de actos e concertos en prazas, rúas, parques e institucións.

Compartir: