EDUCACIÓN E CIDADANÍA

A Escola Municipal de Música celebrou o seu festival de fin de curso

16/06/2017 O Auditorio Abanca acolleu o concerto de fin de curso da Escola Municipal de Música. Como en cada edición, esta actuación ten o obxectivo de dar a coñecer o traballo desenvolvido polas diferentes agrupacións da EMM ao longo do curso. Participaron máis de 200 alumnos e alumnas, acompañados do profesorado da EMM e das súas familias.

Neste espectáculo participaron a Orquestra de Corda xunto coa Orquestra de Iniciación, a Banda Infantil, a Agrupación de Música Tradicional xunto co Coro de Adultos, o Combo de Música Moderna, o Coro de Nenos e a Banda de Música. No concerto escoitáronse obras da música galega, composicións de bandas sonoras, obras orixinais para banda sinfónica e ata algún tema de pop e de jazz.

A Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela conta cunha matrícula de 448 alumnos e alumnas a partir dos 3 anos; e 21 profesores e profesoras que imparten 21 especialidades instrumentais, entre as que salientan o violín (43 alumnos/as), o piano (36), o clarinete (21), a percusión (20 ), o chelo (21) ou o saxofón (15). Ademais, conta con agrupacións musicais nas que se integra o alumnado da Escola: Orquestra de Corda, Orquestra de Iniciación para os máis pequenos, Banda e Banda de Iniciación, Agrupación Tradicional, Agrupación de Música Moderna, Coro Infantil e Coro Xuvenil e de Adultos.

Compartir: