ALCALDÍA

O alcalde visita o Museo Sirio do Colexio A Inmaculada

16/06/2017 O alcalde visitou esta mañá o Colexio A Inmaculada, para coñecer o "Museo Sirio" que construíu o seu alumnado utilizando material de refugallo. Martiño Noriega encargouse da inauguración simbólica deste espazo, e tivo a oportunidade de conversar cos rapaces e rapazas que participaron na súa elaboración.

Neste "Museo Sirio", o alumnado de 2º e 5º do Colexio A Inmaculada botou man de material de refugallo para reconstruír algúns monumentos sirios ameazados ou destruídos pola guerra, como o Templo Baalshamin ou a Torre de Babel. Ademais, os rapaces e rapazas demostraron ter un gran coñecemento da historia de Siria e da guerra na que está inmersa o país desde 2011.

O alcalde mostrouse impresionado co traballo realizado polo alumnado e polas súas mestras, e comprometeuse a informar desta iniciativa ao Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, que vén de aprobar unha declaración para expresar a súa preocupación pola destrución do patrimonio sirio durante a guerra.

Compartir: