ALCALDÍA

Peregrinación a Compostela para reivindicar a importancia do exercicio físico na rutina diaria das persoas con diabetes

16/06/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu un grupo de máis de 40 persoas con diabetes de Navarra e de El Bierzo, participantes do Reto "Camina por la Diabetes a Santiago", que chegaron este venres a Santiago tras facer seis etapas do Camiño de Inverno, o que supuxo percorrer máis de 110 quilómetros. Os peregrinos e peregrinas fixeron a última etapa, dende o Monte do Gozo ata a praza do Obradoiro, acompañados por un nutrido grupo de amigos, familiares e outras persoas que quixeron amosarlles o seu apoio.

Como broche final a este reto, que comezou en Astorga o 11 de xuño, o grupo asistiu á tradicional Misa do Peregrino e foi recibido por Martiño Noriega e outros membros da Corporación na praza do Obradoiro, onde se procedeu a unha solta de globos azuis, cor que representa a diabetes en todo o mundo. Logo, o alcalde recibiu a delegación no salón vermello, nun acto no que tamén participaron Olga Insua, presidenta da Fundación para a Diabetes; Ana Mateo, xerente desta Fundación; Bas van de Goor, ex xogador profesional de voleibol diagnosticado de diabetes e presidente da fundación que leva o seu nome; os presidentes das asociacións de diabéticos de El Bierzo (ADEBI) e Navarra (ANADI), e representantes de diferentes asociacións galegas.

O Camiño como reto
O Reto "Camina por la Diabetes a Santiago" é un proxecto deportivo e solidario, promovido pola Fundación para a Diabetes e a Fundación Bas van de Goor, co apoio de Novo Nordisk e a colaboración da Asociación de Diabéticos do Bierzo-ADEBI e a Asociación Navarra de Diabetes-ANADI. Este reto forma parte da campaña de concienciación "Reta a la Diabetes", da Fundación para la Diabetes, e ten como obxectivo principal cambiar a mentalidade destas persoas, inculcándolles a necesidade de incorporar a actividade física á súa rutina diaria e mellorar os seus hábitos alimentarios, dous aspectos fundamentais para axudar a controlar a diabetes tipo 1 e 2 e reducir posibles complicacións, así como trasladar á poboación en xeral a importancia de manterse activos fisicamente e de levar unha alimentación equilibrada para previr a diabetes tipo 2.

As entidades organizadoras queren demostrar que las persoas con diabetes poden facer o Camiño de Santiago da mesma maneira e ao mesmo nivel que calquera outra persoa, xa que esta condición non supón un impedimento para facer exercicio.

Para prepararse para este reto, todos os participantes realizaron un exhaustivo programa de adestramento físico de catro meses de duración, de forma regular, progresiva e programada, coordinado en todo momento por un endocrino. Durante todo o reto, contouse coa asistencia voluntaria de distintos profesionais da saúde relacionados con esta patoloxía, como médicos, enfermeiras e dietistas.

En paralelo, todos os participantes neste reto formaron parte dun estudio científico que analizará de forma estatística como o adestramento previo e as andainas durante as etapas do Camiño de Santiago poden influír no control desta enfermidade.

Compartir: