FACENDA

O Concello introduce melloras na xestión dos servizos de auga e saneamento

07/12/2006 O concelleiro de Facenda e Orzamentos, Xaquín Fernández Leiceaga, anunciou unha serie de cambios na xestión dos servizos de auga, saneamento e depuración do Concello de Santiago, dos que é concesionaria a empresa Aquagest. Estas modificacións permitirán ofrecer máis garantías aos usuarios e facilitar un maior control municipal destas taxas.

Os cambios atenden ás recomendacións do Consello de Contas e afectan fundamentalmente á obriga municipal de participar nas notificacións que fai o concesionario, á delimitación do período de pago voluntario e á resolución das reclamacións administrativas presentadas polos usuarios.

En particular, no relativo ás altas e baixas, seguirá xestionándoas a empresa Aquagest, pero cun modelo tipo que facilitará o Concello, no que figurarán todos os elementos esixibles neste tipo de taxa, que a empresa notificará ao usuario. Destas notificacións terá coñecemento periodicamente o Concello, co que se creará un Padrón relativo a esta taxa, que se publicará nos tablóns de anuncios municipais. Desta forma o usuario ten unha forma de coñecemento máis que lle facilita a reclamación e, polo tanto, supón unha maior garantía.

Respecto á xestión recadatoria, non hai cambios no pago voluntario, pero si en canto aos impagos que, segundo indicou Fernández Leiceaga, a penas supoñen un 3 ou 4% dos contribuíntes. O Concello intervirá agora máis na fase executiva. Así, mentres no caso do lixo o ingreso é municipal directamente, no da auga e saneamento, o Concello deduciralle os gastos á empresa concesionaria por esta tarefa.

Outro cambio afecta ás reclamacións e recursos. No caso do lixo realizaranse directamente ao Concello, mentres que nos outros dous servizos o Concello resolverá previo informe da empresa concesionaria. Deste xeito, en calquera dos casos existe intervención final do Concello.

Tamén se realizará un traballo de mostraxe dos cobros que realiza Aquagest co fin de detectar calquera erro. Segundo apuntou o concelleiro, os problemas máis comúns son o cobro dunha tarifa que non corresponde ou aplicación incorrecta do índice. Finalmente, efectuarase un seguimento económico da concesión do servizo, con informes que serán presentados á Xunta de Goberno Local.

Compartir: