CULTURA

O V Festival Agustín Magán reúne en Compostela a seis compañías de teatro afeccionado

05/12/2006 O teatro afeccionado volve atopar, por quinto ano consecutivo, o seu espazo no Teatro Principal, no seo do festival Agustín Magán. Seis compañías galegas amosarán ante os espectadores o seu talento para a escena.

A compañía vedresa Andaravía Teatro inaugurará o festival coa obra "Bicos", unha sucesión de escenas que trata en clave de humor e ironía situacións cotiás vencelladas ás relacións de parella, coas achegas musicais da época dourada da canción española: Raphael, Pimpinela, Dúo Dinámico... Carles Arberola e Roberto García escribiron esta historia, que se representa baixo a dirección de Delfina Miguélez e Nerea de Valenzuela e cun elenco composto por Inés Bouzón, María Gaiteiro, Fina Guitiá, Sara González, Eliana Martíns, María Munín, Alfonso Romeo, Patricia Rey, Hixinio Rodeiro, Antón Vázquez e Antonio V. Turnes.

Achádego Teatro volve outro ano máis ao Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán con dúas pezas de Chejov: "Unha petición de man", na que un terratenente solteirón preséntase na casa da súa veciña para pedir a súa man,l e "O oso", onde outro terratenente chega a unha casa, esta vez, da viúva Popova, e cun fin menos alegre: reclamar unha débeda do defunto. Tareixa Campo dirixe un elenco integrado por ela mesma, Esther Pedrouzo, Suso Meilán, Mercedes Acevedo, Marga Portomeñe e Alberto Pérez.

Tiruleque Teatro homenaxeará ao dramaturgo Agustín Magán no V Festival de Teatro Afeccionado que leva o seu nome, con "Roma unha tolería", adaptación da súa Farsa Plautina. Xosé Prada dirixiu esta obra, cun elenco composto por Pepe Prada Martínez, Charo González Ferández, María Xosé Banga Rodríguez, Víctor Tato Soto, Clara Vázquez Vázquez, Antonio Rey Cornide, Chicho Carballido Cibeira, Paz Álvarez Nóvoa, Sara Sarmiento Fernández, Darío Rodríguez Rodríguez e David Rodríguez Tomé.

Pola súa banda, Teatro no Aramio chegará ás táboas do Principal coa montaxe "E os cans calaban", que toma como punto de partida a peza homónima de Aimé Césaire (Martinica, 1913). Dirixida por Vanesa Sotelo e interpretada por Leopoldo Cañizo, Antonio de Valdivielso, Vanesa Sotelo, Laura Piccirillo, Sheila Cardeña, Alice Boesso, María del Carmen Soto, Orzo Abruñeiras e Fernando Veiga, esta obra recolle a figura de Prometeo para relatar as últimas horas dun rebelde a noite antes da súa execución. A obra pretende ser un canto natural que busca o xogo de ritmos na escena.

A compañía miñorá Vichelocrego participa no festival cunha obra de Vidal Bolaño: "A ópera do emprendedor". Altos funcionarios da coroa británica preparan o roubo de varias mercadorías que a súa maxestade envía ás tropas durante a guerra colonial. Xosé Páramo dirixiu esta proposta, que contou con Begoña Míguez, Nieves Costas, Marga Cachaza, Aída Costas, Antonio Álvarez, Lara Martínez, Xosé Souto, Manolo Dapena, Lara Martínez, Luz López, Juan Montenegro, Raimundo Viejo e Noa Carrera como actores.

Pechará o festival Metátese Teatro coa obra "Peirao 2434" de Afonso García Penas. Nela, recrease de forma antiutópica unha futura sociedade na cal o todo-poderoso brazo executor dos xerarcas políticos e o seu exército de administradores controlan unha poboación de escravos aos que non fai falla coaccionar porque están encatados co seu servilismo.

A mostra de teatro compleméntase coa celebración das primeiras Xornadas sobre o teatro afeccionado, que terán lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) os días 8 e 9 de decembro. A distribución será o tema principal.

Compartir: