SAÚDE

O Auditorio acolle dúas charlas de Agamus sobre o uso da musicoterapia

08/06/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, deu conta hoxe das Xornadas de Portas Abertas que organiza a Asociación Galega de Musicoterapia (Agamus) dende o 15 e maio ao 15 de xuño. Na rolda estivo acompañada da presidenta e investigadora científica, Montse Merino; do vicepresidente e coordinador do grupo de musicoterapeutas voluntarios de Agamus no Servicio de Neuroloxía do CHUS, Marco Costa, e da voceira da Xunta Directiva e terapeuta ocupacional, Marta Pérez.

Concha Fernández destacou na súa intervención "a gran calidade e profesionalidade das persoas poñentes, así como o gran traballo que fai Agamus" que é ademais a única entidade deste tipo que opera no Estado español.

Estas actividades deron comezo o 15 de maio e continuarán ata o 15 de xuño na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. A maiores, a Asociación programou diversas charlas durante esta semana, do 5 ao 9 de xuño, na súa sede en García Prieto. O mércores foi o caso de "O ensino durante a Segunda República no Concello de Teo", ofrecida pola mestra e musicoterapeuta Eva Otero. Hoxe, o pediatra e artista plástico José Luis Iglesias dará unha charla que leva por nome "Convivir coa arte e a medicina", e o venres é a vez do mestre, gaiteiro, músico e compositor galego Alberto Coya, con "Gaita, un instrumento mundial".

El Cuerpo
Unha das principais actividades é precisamente a estrea da curtametraxe El Cuerpo, que se proxectará con posterioridade á charla impartida polo doutor José Luis Iglesias e que versa sobre a anorexia nerviosa.

Mais esta curta non é a única actividade deste mes de xuño. As accións continúan o luns 12 de xuño co recital poético "Sentimentos e poemas ou non", impartido pola poeta Petronila Daza e que contará coa participación de invitados e invitadas de diferentes profesións.

As Xornadas de Portas Abertas rematarán con dúas conferencias onde se compartirán sentires, experiencias e perspectivas profesionais afíns, con dúas colaboradoras invitadas de ampla traxectoria nas súa práctica profesional. O día 14, cita coa psiquiatra Mercedes Fernández e Montse Merino, coa conferencia "Saúde mental e musicoterapia" e, para rematar, a propia Montse ao piano e Uxía coa voz compartirán unhas pezas coas persoas asistentes.

O día 15, a doutora Susana Arias (neuróloga do CHUS, experta en ictus isquémico e dano cerebral. Membro do equipo do LINC) dará unha charla sobre neuroloxía e musicoterapia acompañada de Montse Merino, que dirixirá ao remate unha experiencia vivencial coas persoas asistentes.

Agamus
As Xornadas organízanse para darlle visibilidade ao traballo da entidade e compartir espazo con diferentes profesionais relacionados coa saúde, a educación e o pensamento. As intervencións son voluntarias e cada profesional pode amosar o traballo que está facendo, os proxectos que está a punto de materializar ou as ideas que xorden.

Agamus é unha asociación sen ánimo de lucro. Os gastos que ocasionan as xornadas son sufragados exclusivamente pola mesma e Casa Baubo. Non dispón de fondos económicos, ofrece tratamentos gratuítos de musicoterapia a pacientes dos ámbitos clínico, comunitario, educativo, sanitario e social dende o ano 2003 para persoas ou grupos que o precisen e non teñan medios económicos.

Compartir: