EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Preto de 200 nenos e nenas participaron no Festival de Música e Movemento da Escola Municipal de Música

01/06/2017 O Auditorio Abanca acolleu en dúas xornadas o Festival de Música e Movemento da Escola Municipal de Música, no que participaron preto de 200 nenos e nenas de 3 a 7 anos, acompañados polo seu profesorado: Beatriz Busto, Víctor Collazo, Olaia Novo e Pilar López. O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación, Manuel Dios, tamén sumaron ao evento.

Este Festival de Música e Movemento tiña por finalidade dar a coñecer o traballo desenvolvido ao longo destes meses na EMM . O centro de interese sobre o que traballaron os nenos e nenas levou por título "Na EMM somos: Xabarín Club!", conformando un espectáculo con 12 pezas musicais deste emblemático programa da Televisión de Galicia, un programa no que se xuntaban os debuxos animados coas cancións con karaoke en lingua galega.

Na organización deste festival, contouse coa colaboración do Auditorio Abanca e da CRTVG, que cedeu a figura do Xabarín para un photocall no que as familias e os nenos e nenas puideron inmortalizar esta experiencia.

Clausura do VI Curso de Música de Cámara
Por outra parte, a Escola Municipal de Música clausura este venres o VI Curso de Música de Cámara. Será no Paraninfo da Universidade (Facultade de Historia) ás 19:00 horas.

Neste concerto de clausura do VI Curso de Música de Cámara, que se desenvolveu ao longo do curso, intervirán seis grupos diferentes: cuartetos de vento, tríos, cuartetos e diferentes agrupacións de instrumentos de corda.

Compartir: