ACCIÓN CULTURAL

Inauguración de "Os mundos de Carlos Casares" na Zona "C"

29/05/2017 Este martes, ás 19:00 horas, inaugúrase na Zona "C" a exposición Os mundos de Carlos Casares. No acto inaugural estarán presentes Håkan Casares Berg, fillo de Casares; Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña; e Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago.

Comisariada por Gustavo Adolfo Garrido e Chus Martínez Domínguez, a exposición Os mundos de Carlos Casares ten como obxectivo celebrar a vida e obra do escritor ourensán (1941-2002), na clave dun percurso vital, unha viaxe polo tempo e polo espazo. Preparada pola Fundación Carlos Casares, a mostra conta na súa itinerancia co apoio da Deputación da Coruña.

Seguindo as palabras do propio escritor para construír un mapa emocional, debuxar un territorio, contar unha historia. Máis alá da intención retrospectiva, a exposición presenta diferentes marcos contra os que poder desenvolver as relacións de Carlos Casares co mundo, nunha sucesión de territorios simbólicos: Paisaxes, Luzadas. A viaxe, Conviña... e O redondel, que explicando as cuestións fundamentais da súa vida, da súa produción literaria e do seu compromiso co país e as súas xentes. Cinco espazos metafóricos diferenciados, pero permeables grazas a unha coidada montaxe fundamentada na transparencia, que permiten deseñar escenas e activar experiencias sociais, políticas, educativas e artísticas. A cartografía resultante devolve unha imaxe que aspira a ser completada polo público; unha viaxe de ida e volta, circular, coa que revisitar a escena cultural galega nas cinco últimas décadas, recuperando unha visión do escritor e dos seus lugares, que aspira a conectar coas xeracións máis novas.

Obxectos persoais, a documentos, manuscritos ou fotografías son contidos da mostra que nos permiten afondar na obra e na vida deste intelectual, ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Unha viaxe pola súa figura e o seu pensamento que estará en Santiago de Compostela ata o domingo 25 de xuño.

A mostra pode visitarse de balde na Zona "C, de martes a sábado de 16:00 a 20:00 e os domingos de 14:00 a 19:00 horas. O luns está pechada a Zona "C".

Compartir: